Concello de Sanxenxo - A ESCOLA DE MÚSICA ABRE O LUNS O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O PRÓXIMO CURSO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A Escola de Música Municipal adianta a planificación do curso 2020/21 abrindo a inscrición e así poder ter unha previsión o máis axustada posible de cara á organización do próximo curso, tendo sempre en conta a evolución da pandemia por Covid 19. Así, o prazo para anotarse estará aberto desde o vindeiro luns, 15 de xuño até o 3 de xullo. Os boletíns informativos e o modelo de inscrición estarán dispoñibles na páxina web municipal.

O plan de estudos da Escola de Música oferta ensino desde os 3 anos con Iniciación Musical e até a idade adulta con outras materias como Guitarra, Piano e Linguaxe Musical para persoas adultas. Son 14 as especialidades instrumentais para nenos e nenas a partir dos 7 anos: Oboe, frauta, fagot, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba-bombardino, violoncelo, contrabaixo, guitarra, piano e percusión. Tamén se imparten as materias de Conxunto Instrumental, Conxunto Infantil e Coro.

A concelleira de Educación, Paz Lago, agradece a implicación do persoal docente da Escola de Música Municipal co alumnado durante o proceso de confinamento "cun contacto continuo, adaptado ás circunstancias, e que permitiu seguir coa formación vía telemática". A volta ás clases realizarase con todas as medidas de seguridade durante o próximo curso e seguindo as directrices que se marquen desde a Consellería de Educación. "É moi importante que as familias sigan apostando por este tipo de formación complementaria e que tan bos resultados está colleitando", dixo.

 

0
0
0
s2sdefault