Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ACOMETERÁ A HUMANIZACIÓN DA VÍA DE ACCESO Á CAPELA DE O SANTO VALORADA EN 216.272 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Seguridade, accesibilidade e respecto polo patrimonio do espazo serán o tres alicerces fundamentais que rexerán a humanización da vía de acceso á capela de O Santo que levará a cabo nos próximos meses en Nantes. A obra que terá un custo de 216.272 euros e dispón dun prazo de execución de tres meses será financiada con cargo ao Plan Concellos. O tramo no que se actuará forma parte dunha das fases dun proxecto de maior envergadura que comprende desde A Cachada a O Santo e cuxo custo total supera os 800.000 euros.

O goberno local busca con esta obra mellorar as condicións de accesibilidade dos veciños do lugar de O Santo convertendo este viario nunha rúa residencial con plataforma única mixta para peóns e vehículos, pero sempre co maior respecto coa contorna da capela. O outro obxectivo que se persegue con esta plataforma é pacificar o tráfico na zona polo que se limitará o tráfico a 20 quilómetros por hora.

A actuación prevista en 140 metros de viario comprende melloras de saneamento coa dotación dunha nova recollida de pluviais a un novo colector que se instalará polo medio do viario. En canto á iluminación pública prevese unha instalación dunha nova canalización eléctrica e a colocación de novos farois con iluminación led para mellorar a eficiencia enerxética. No proxecto contémplase tamén a limpeza manual do pavimento.

En canto ao mobiliario urbano, prevese a colocación de bancos e papeleiras, así como a colocación dunha pantalla cubrecontenedor para reducir o impacto visual dos colectores de lixo.

O proxecto conta co visto e prace de Patrimonio para a súa execución. A pavimentación realizarase con laxas de granito gris, pero organizaranse zonas seguras de peóns coa execución de franxas doutra cor de pedra.

ZONA DE ACTUACIÓN VIAL O SANTO

VISTA AÉREA ZONA DE ACTUACIÓN EN O SANTO

0
0
0
s2sdefault