Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PORÁ EN MARCHA UN CONTROL DE ACCESO Á MOVIDA NA ZONA PORTUARIA PARA EVITAR AGLOMERACIÓNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello de Sanxenxo porá en marcha este verán un control de acceso á movida na zona portuaria para evitar aglomeracións e velar polas medidas de seguridade sanitaria. O alcalde, Telmo Martín, informou desta medida na xunta local de seguridade celebrada esta mañá por videoconferencia. Á reunión que estivo copresidida pola subdelegada do goberno de Pontevedra, Maica Larriba, asistiu o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, e estiveron representados os corpos de seguridade implicados na seguridade e o tráfico en Sanxenxo como a Garda Civil, a Policía Local, a Policía Autonómica e o servizo municipal de Emerxencias.

O control á zona portuaria durante as noites de verán realizarase tendo en conta os aforamentos dos distintos establecementos de lecer nocturno, 2.200 persoas en situación normal, e as limitacións que marca a actual alerta sanitaria. Así, ademais de vixiar o acceso por terra, empregaranse drones que estarán conectados ao sistema da Policía Local para ter en todo momento unha imaxe da situación do recinto. Un estrito control de aforamento que tamén se repetirá en Portonovo na zona de marcha nocturna.

En canto aos medios, Sanxenxo ten previsto este verán incrementar con dez auxiliares máis que o ano pasado o reforzo da Policía Local tendo en conta a situación especial deste verán. Serán 43 auxiliares os que se incorporen ao persoal habitual. Tanto o goberno local como a Subdelegación do Goberno son conscientes de que este verán o control e vixilancia suporán "un maior esforzo e coordinación" nun municipio que se converte no verán na terceira cidade galega.

A subdelegada do goberno, Maica Larriba, apelou á colaboración entre ambas as administracións que este verán será "máis intensa" e á "pedagoxía" tanto co tecido económico como cos veciños e visitantes para "reactivar a economía e mostrar a solvencia turística de Sanxenxo". A Garda Civil contará este verán cun persoal "dimensionada" e adaptada á situación excepcional que se está vivindo. En canto ás medidas de tráfico para garantir a fluidez, está previsto estudar alternativas de acceso ao municipio nalgúns puntos e acordouse inhabilitar durante xullo e agosto o semáforo das Salinas.

Pola súa banda, o coronel xefe da Garda Civil de Pontevedra, Simón Venzal, destacou o baixo nivel de denuncias diarias durante o estado de alarma sanitaria en Sanxenxo. "Rexistrouse unha media de tres ou catro denuncias e isto proba que se cumpriu a norma e que as denuncias foron excepcionais. A xente cumpriu", expuxo. En canto ao nivel de delitos rexistrado no que vai de ano, Sanxenxo, segundo as palabras do coronel xefe, segue sendo un dos "poucos municipios con descenso da actividade delituosa por baixo do 7%", pero alertou dun incremento durante o pasado mes de maio das "estafas bancarias e pagos con cartón de crédito"

0
0
0
s2sdefault