Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PON EN MARCHA ESTE VERÁN O PLAN "CONCILIA SANXENXO" CON 80 PRAZAS NOS PAVILLÓNS DE BALTAR E VILALONGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Co obxectivo de axudar aos veciños do municipio a compaxinar a vida familiar e laboral, o Concello porá en marcha a partir do 1 de xullo e até o 31 de agosto "Concilia Sanxenxo". Un plan, adaptado ás circunstancias sanitarias excepcionais que se están vivindo polo Covid 19, que conta con 80 prazas para nenos nados entre 2006 e 2014 e que se desenvolverá nos pavillóns de Baltar e Vilalonga. O horario será de luns a venres de 8 a 14:30 horas e non terá servizo de comedor. "Trátase dun programa de axuda ás familias adaptado ao momento que estamos a vivir, algo diferente ao que se viña facendo ata agora con programas organizados polo Concello e ou esforzo dás ANPAS que permitía chegar a moitas familias", asegura a concelleira de Educación, Paz Lago.

As actividades desenvolveranse en grupos de dez nenos e nenas con doce monitores á fronte que se encargarán de organizar as actividades e do seu coidado. No caso de realizar as actividades interiores nos pavillóns dividirase o espazo en catro zonas e habilitarase un baño para cada grupo durante a xornada. Tras as actividades, limparanse e desinfectarán diariamente os espazos.

Para garantir o cumprimento do protocolo de seguridade, os participantes deberán acudir con máscaras que serán facilitada polo Concello de Sanxenxo e será obrigatorio unha declaración de saúde diaria de cada participante á entrada das instalacións, así como o control de temperatura se fose necesario.

As familias que opten a este servizo deberán cumprir unha serie de requisitos como que estean empadroados no municipio, que os proxenitores sexan traballadores por conta propia ou allea e/ou que justifiquen a contratación os meses de xullo e agosto. A adxudicación das prazas realizarase segundo un baremo no que se puntuará con 6 puntos, as solicitudes para os dous meses; con 3, as que se pidan para un mes, e concederase 1 punto por cada irmán menor de 16 anos.

O Concello establece un sistema de cotas, segundo a circunstancia de cada familia, que en ningún caso supera os 250 euros polos dous meses e que no caso máis vantaxoso sería de 150 euros polas dúas mensualidades. Ademais, aplicarase un desconto dun 15% na cota no caso de familias nas que un dos proxenitores ou os dous teñan un contrato inferior a seis meses.

O prazo de apertura para solicitar inscrición na actividade ábrese mañá e prolongarase até o 24 de xuño. A tramitación pode realizarse na ligazón https://bit.ly/conciliasanxenxo2020 e deberá realizarse unha solicitude por cada neno en caso de familias con máis dun fillo. A lista de admitidos poderá consultarse na páxina web do Concello de Sanxenxo o 26 de xuño. Ese mesmo día atenderanse as reclamacións no teléfono 986 727 936, de 9 a 14 horas. Os admitidos deberán entregar a documentación entre o 29 e 30 de xuño, de forma presencial no Pazo Emilia Pardo Bazán, de 8 a 12 horas, ou por correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

0
0
0
s2sdefault