Concello de Sanxenxo - A PRAIA DE AREAS ACOLLEU ESTA MAÑÁ UNHA DEMOSTRACIÓN DO SISTEMA DO CONTROL DE AFORAMENTO CON DRON
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Permite coñecer o nivel de ocupación e descargar os datos na web municipal que poderá ser consultada para saber o estado do areal
 
Garantir a seguridade sanitaria e informar a través dunha web do estado de ocupación dos 17 areais con bandeira azul de Sanxenxo son os dous obxectivos que se persegue co novo sistema do control de aforamento con dron. O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, asistiron esta mañá a unha demostración na praia de Areas cun voo pilotado polo policía local, Emilio Vecino, e supervisado pola empresa Aerocámaras. Os datos descargaranse na web municipal onde se poderá consultar, a partir desta semana, a ocupación dos areais e cuxo ligazón se compartirá tamén nas redes sociais municipais. "Estamos moi satisfeitos por apostar por este sistema de controis con drones porque se pode ver en tempo case real a situación das praias. É un día histórico para Sanxenxo porque é a primeira vez que se implanta unha medida deste tipo que cremos vainos a ser moi útil en moitas situacións", asegurou o alcalde, Telmo Martín.
 
Os catro drons adquiridos polo Concello de Sanxenxo serán pilotados por policías locais que recibiron formación requirida para manexar o sistema e permitirá contar a través dun algoritmo de intelixencia artificial as persoas nun espazo público, así como medir as distancias entre elas cunha marxe de erro de entre un 5 e un 10%. Nas praias, este labor refórzase cos informadores que están en horario de mañá e tarde lembrando a obrigatoriedade das máscaras nos paseos pola beira e a distancia de seguridade.
 
O responsable da empresa, Jaime Pereiro, explicou o sistema de medición de aforamento do dron que alcanza un voo de 35 metros de altura e en apenas uns minutos permite descargar os datos na web. "Fixemos un voo ás doce e media e tiñamos un aforamento de 500 persoas e agora contabilizou 718 persoas", sinalou.
 
Na web poderase consultar ademais do nivel de aforamento e a lonxitude da praia, a temperatura da auga, a radiación ultravioleta e o estado do mar. Contarán tamén con imaxes e vídeos en streaming dos voos realizados sobre o areal e facilitaranse as localizacións das 17 praias que permitirá consultar aos bañistas a ocupación doutros areais.
 
0
0
0
s2sdefault