Concello de Sanxenxo - O CONCELLO ASFALTARÁ O APARCADOIRO DA PERLA E MELLORARÁ O SEU APROVEITAMENTO CO PINTADO DAS PRAZAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O aparcadoiro público e gratuíto da Perla en Portonovo asfaltarase e as prazas quedarán delimitadas cun pintado horizontal. O obxectivo desta actuación, que dará comezo a principios da próxima semana e que terá un custo de 30.000 euros, é reordenar o espazo e mellorar o pavimento de terra que se atopa en moi mal estado para albergar máis de 200 vehículos. A mellora fará máis atractivo o aparcadoiro e aumentará a súa capacidade por que o pintado das prazas permitirá aproveitar mellor o espazo dispoñible.

A este aparcadoiro sumar, durante o verán, a zona do varadero con capacidade de estacionar 80 vehículos e, tamén, o espazo da contorna da lonxa e o espigón que se abre os fins de semana como aparcadoiro para máis de 100 coches, tras un acordo entre o Concello e a Confraría de Pescadores de Portonovo. Ademais, a vila mariñeira conta con outra importante bolsa de estacionamento con máis de 250 prazas na contorna da piscina e os campos de fútbol. En resumo, 630 prazas de aparcadoiro a maiores das dispoñibles nas rúas de Portonovo.

O obxectivo do goberno local é ampliar a oferta de estacionamento disuasorio na vila mariñeira, especialmente durante o verán, e mellorar a calidade dos existentes para fomentar a liberación de vehículos na zona vella, que entre outros inconvenientes provoca problemas de seguridade cada vez que ten que entrar un vehículo de bombeiros ou unha ambulancia. Desta forma, gáñase espazo para o peón nas rúas máis estreitas e garántese o cumprimento do protocolo de seguridade no caso dunha emerxencia.

Doutra banda, en Adina, a parroquia da que forma parte a vila de Portonovo, concluíronse os traballos de asfaltado e pintado do acceso á praia de Montalvo, un dos areais máis concorridos de Sanxenxo pola súa beleza e capacidade. A actuación incluíu a reordenación das prazas de estacionamento e a compactación do firme sobre o que aparcan os vehículos que non se pode asfaltar polo alto valor ecolóxico da zona dunar que rodea á praia.

0
0
0
s2sdefault