Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO ENTREGA AS CHAVES DA NOVA SEDE AO CLUB DE PIRAGÜISMO DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

As novas instalacións contan cunha superficie de 294 metros cadrados e con capacidade para albergar 104 embarcacións

O Club de Piragüismo de Portonovo xa pode gozar das novas instalacións situadas a pé da praia de Baltar. O alcalde, Telmo Martín, acompañado do concelleiro de Deportes, Daniel Arousa, e varios membros do goberno entregou onte as chaves da nova sede ao presidente do colectivo, Alberto Rodríguez. "Estamos aquí para resolver unha histórica e xusta petición do Club de Piragüismo de Portonovo. Unha sede de case 300 metros cadrados e con cabida para 104 embarcacións que merece un club que leva moitos anos facendo as cousas ben", sinalou o alcalde.
Martín subliñou a necesidade das instalacións. "Hoxe é o día da entrega de chaves dunha sede acorde coas necesidades dun club tan laureado como o de Piragüismo de Portonovo. Deixaremos de ver aos deportistas cruzar a rúa coa piragua ao lombo e poderán concentrarse na práctica da actividade", indicou.

Á apertura das instalacións acudiron varios membros da directiva, pero tamén novos do club que iniciaron onte mesmo o traslado de piraguas aos hangares do almacén. Unha vez que se conclúa o traslado de material á nova sede, a actual nave que funciona como almacén situada en en Baltar será retirada do espazo para a recuperación dunar da zona. As novas instalacións contan cun ximnasio, uns vestiarios, unha oficina e un almacén. O investimento municipal neste espazo deportivo ascende a 216.019 euros.

Pola súa banda, o presidente do Club de Piragüismo, Alberto Rodríguez, agradeceu ao Concello "a aposta decidido por esta sede a pé de praia despois de moitos anos de espera" e recoñeceu que o cambio será "total porque as outras instalacións non estaban pensadas para este deporte e están completamente obsoletas". Na mesma liña, animou ao goberno local a "seguir traballando polo deporte local" e augurou que co ritmo de socios e crecemento do club "seguro que moi pronto estas instalacións quedarán pequenas".

0
0
0
s2sdefault