Concello de Sanxenxo - O PRIORADO DE ARRA, A CASA DE DON FERNANDO E O PAZO DE QUINTÁNS CENTRAN A SEGUNDA XORNADA DE SANXENXO NA HISTORIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os arquitectos Alberta Lorenzo e Juan Mario Crecente analizan a arquitectura destes tres inmobles en Sanxenxo

A arquitectura centrou esta tarde a segunda xornada de "Sanxenxo na Historia" con Alberta Lorenzo e Juan Mario Crecente nunha mesa redonda que profundou nos tres edificios emblemáticos de Sanxenxo e obxecto de rehabilitación como son o Priorado de Arra, a Casa de Don Fernando e o Pazo de Quintáns.

A presidenta de Aelos e doutora en Arquitectura, Alberta Lorenzo, foi a encargada de introducir aos asistentes á xornada nos conceptos de rehabilitación e cambios de uso dos edificios centrándose de forma especial na Casa Mariñeira de Don Fernando, actual sede de Xuventude e Deportes, e o Priorado de Arra, futuro centro sociocultural da parroquia. Alberta explicou que a casa mariñeira foi orixinariamente unha vivenda unifamiliar dunha podente familia de Portonovo. "En 1840 era propiedade da familia Pérez Lemos e coñecíase como casa nova, pero foi en 1960 cando morreu a herdeira e deixoulle a casa a súa muller e ao marido desta, o médico Don Fernando, que coidaron dela ata os últimos días da súa vida", sinalou Lorenzo. O Priorado de Arra e a súa influencia na comarca como freguesía do Mosteiro de Armenteira e principal centro vitivinícola da comarca foi o outro edificio que se abordou durante esta tarde. Lorenzo repasou os distintos usos do Priorado "dende museo de oficios rurais ata agora como centro sociocultural". Ambas as estruturas arquitectónicas son un bo exemplo "de rehabilitación e cambio de uso nos que se conserva a historia do edificio".

O segundo relatorio da xornada versou sobre o Pazo de Quintáns. O doutor en Arquitectura, Juan Mario Crecente, repasou o proceso de valorización do edificio desde o Plan Director elaborado para o conxunto da leira e a contorna, así como a incoación de BIC e o proxecto inicial de rehabilitación para o edificio. Crecente falou da relación directa das salinas e o Bispado de Santiago co pazo, que naceu como unha torre até converterse nun pazo barroco, e mesmo da súa posible vinculación con Otero Pedrayo. "É unha hipótese, pero cremos que unha das descricións que o autor fai desde unha galería da ría é desde a do Pazo de Quintáns porque coincide o que escribe co que se ve desde alí", sinalou.

As xornadas clausuraranse mañá coa mesa "Emilia Pardo Bazán e Sanxenxo" na que Ángeles Marcos e Marcelino Agís serán os encargados de falar sobre a vinculación da escritora co municipio. Tras o coloquio, entregarase o premio desta edición a Ana Cancela, polo seu papel no Seminario de Estudos Locais e o seu importante papel nas actividades culturais e sociais do municipio.

0
0
0
s2sdefault