Concello de Sanxenxo - NAUTA ELABORA OS PREGOS PARA LICITAR A MEDIADOS DE SETEMBRO A REXENERACIÓN DA CARABUXEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto está á espera dun informe de compatibilidade de estratexias mariñas de Costas

O proxecto de rexeneración da praia da Carabuxeira sairá a licitación a mediados do próximo mes de setembro. O obxectivo do goberno local é axilizar ao máximo os trámites administrativos e iniciar canto antes os traballos de achegue de area e a instalación dos 70 metros lineais de geotubos téxtiles que conterán o árido na praia. Os traballos, que xa contan co visto e prace de Patrimonio, Consellería do Mar e Capitanía Marítima, están pendentes dun informe de compatibilidade de estratexias mariñas que debe emitir Costas desde Madrid e o seu traslado á Autoridade Portuaria de Marín.

Nauta xa traballa nos pregos do concurso duns traballos valorados en 199.211 euros e que deberán ser aprobados nun consello de administración da entidade municipal. Así o comunicou o alcalde e o presidente de Nauta, Telmo Martín, na última comisión de traballo celebrada esta semana por videoconferencia con representantes de Costas e Portos de Galicia.

Tras unha longa tramitación, o primeiro achegue de area con carácter inmediato será de 10.000 metros cúbicos procedente da zona mergullada da propia fronte de praia. Para poder fixala faise necesaria a colocación de parte desta area dentro de geotextiles de apoio construtivo para garantir a contención do material. A dificultade do enclave, con numerosos baixos na zona e un sedimento repartido entre eles, estímanse uns bombeos de area diario de 300 metros cúbicos. Por iso, incluíndo os traballos de mobilización e desmovilización dos equipos, estímase un prazo de execución dos traballos de 33 días.

O proxecto de rexeneración da Carabuxeira e Lavapanos contempla a achega total de 24.000 metros cúbicos, pero ademais inclúe a construción dun dique para evitar a súa futura perda. Mentres se avanza nesta primeira fase, o Concello e Costas ultiman xa a redacción dun convenio para a creación dun paseo marítimo entre Panadeira, Lavapanos e A Carabuxeira que permitirá o tránsito peonil e o goce deste tramo de costa urbana.

0
0
0
s2sdefault