Concello de Sanxenxo - A POLICÍA LOCAL ANA VÁZQUEZ XUBÍLASE TRAS 31 ANOS DE SERVIZO EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Tras 31 anos de servizo, a policía local de Sanxenxo Ana Vázquez colgou onte o seu uniforme para gozar dunha merecida xubilación. A súa vocación policial non ten precedentes na súa familia, dedicada á minería na súa Asturias natal, que cambiou por Sanxenxo para comezar como auxiliar en 1989 e converterse na segunda muller policía do municipio en 1992. A súa traxectoria está chea de anécdotas, pero lembra algunhas con especial agarimo. "Levaba apenas dous meses como axente e estaba a controlar o tráfico na Praza Pascual Veiga xunto a un auxiliar en xullo de 1992. Vin como unha señora empezaba a gritar que lle roubaran a carteira e como dous mozos escapábanse. Non o pensei, púxenme a correr detrás dun, que era o que levaba a carteira. Escondeuse no Hotel Rotilio e eu detrás, ata que o detiven e o esposei" relata.

O detido era un vello coñecido da xustiza que acumulaba máis de vinte detencións. "Medía un metro oitenta e era corpulento fronte aos meus 1,60 metros e 50 quilos de peso, pero non me amedrentei. Inmobiliceino contra a parede e recuperei a carteira", lembra. O arresto acabou cunha orde de ingreso en prisión inmediata. "Síntome especialmente orgullosa deste caso. Logo chegaron outros roubos e mesmo un asasinato, pero sempre me gustou o traballo na rúa", explica.

Tampouco esquece cando nun operativo de tráfico durante unha concentración de motos, un motociclista que dera positivo en alcol quixo fuxir e pasoulle co vehículo por enriba do pé. "Iamos o meu compañeiro Manuel Martínez e eu, pasamos un momento difícil porque os amigos empezaron a rodearnos con actitude ameazante. Finalmente, todo quedou nun susto", asegura.

A súa vocación de prestación de servizo continuará na casa co coidado de familiares maiores ao seu cargo, pero asegura que tamén sacará tempo para unha das súas afeccións: As manualidades. "Gústame moito realizar traballos manuais con tellas e pintar", sinala. O alcalde, Telmo Martín, recibiuna no último día de traballo no seu despacho xunto ao concelleiro de Seguridade, Jaime Leiro. "Ana foi unha traballadora intachable, sempre disposta a axudar e colaborar en acadar un Sanxenxo máis seguro e mellor", asegura.

0
0
0
s2sdefault