Concello de Sanxenxo - TURISMO DE SANXENXO SACA A CONCURSO O MANTEMENTO E TRATAMENTO DE 77 PALMEIRAS CONTRA O PICUDO VERMELLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O valor estimado do contrato é de 21.627 euros por anualidade e poderase prorrogar até unha duración máxima de catro anos

Tratar e manter afastado ao picudo vermello das 77 palmeiras dos parques e xardíns municipais é o obxectivo do concurso que acaba de sacar Turismo de Sanxenxo para facer fronte á praga deste insecto. A proposta recibiu o visto e prace do consello de administración da entidade municipal e a actuación nos devanditos exemplares consistirá en seis tratamentos cunha periodicidade bimensual.

A maior concentración de exemplares concéntranse no Paseo de Baltar con 48 palmeiras, seguido do parque Panadeira (7), colexio de O Telleiro (6), rotonda do Porto Deportivo (5), entrada A Florida (3), Pazo Quinteiro (3), o xardín da Ventureira (1), casa de cultura de Nantes (1), colexio de Nantes (1), rotonda da Lanzada (1) e zona da Garda Civil (1).

Nun informe o departamento municipal de medio ambiente advirte que as altas temperaturas rexistradas este verán provocou un gran aumento de poboación do picudo vermello polo que urxe unha actuación para realizar tratamentos preventivos e curativos no caso de que algún exemplar estea afectado. No devandito documento contémplase o custo aproximado tanto da retirada dos exemplares mortos que pode alcanzar os 1.000 euros, dependendo do tamaño, así como o custo das plantas que co transporte e a plantación roldaría os 3.500 euros.

Os traballos que se contratarían por un ano con posibilidade de prórroga de até catro anualidades sairán a licitación por 21.627 euros. O adxudicatario deberá ademais de aplicar o tratamento fitosanitario, controlar e realizar un seguimento de cinco trampas húmidas de captura masiva con feromonas e caimaronas en distintos lugares do municipio. Ademais, deberá realizar un informe ao final de cada tratamento no que se recolla a seguinte información: Exemplares tratados, tipo de tratamento e data, estado dos exemplares, incidencias, recomendacións e entrega da información ao departamento de medio ambiente.

0
0
0
s2sdefault