Concello de Sanxenxo - O CURSO ESCOLAR COMEZA NOS SETE CENTROS DE SANXENXO CON ACCESOS ORDENADOS E A COLABORACIÓN DA POLICÍA LOCAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 O alcalde, xunto ao resto de concelleiros do goberno, acudiron aos colexios para comprobar "in situ" a continuación da actividade escolar
 
Os sete centros educativos de Infantil e Primaria de Sanxenxo retomaron hoxe a actividade lectiva con normalidade. O aumento de accesos e o comezo graduado dos cursos foron claves para que o plan de seguridade permitise entradas e saídas ordenadas, seguras e sen aglomeracións. O alcalde, Telmo Martín, xunto ao resto de concelleiros desprazáronse esta mañá aos distintos centros para supervisar "in situ" o comezo das clases e comprobar o funcionamento do protocolo. 
 
A Policía Local organizou un operativo de seguridade viaria para garantir que as entradas e saídas dos colexios que, así o solicitaron, realizásese con total seguridade e respectando as normas de distanciamento social e máscara. Un total de 18 axentes repartidos entre O Cruceiro, Nantes, Abrente, Portonovo e A Florida encargáronse de dirixir o tráfico e evitar aglomeracións nos accesos aos centros educativos. Un operativo que se repetirá nos próximos días. 
 
Martín, que acudiu aos colexios da Florida e Portonovo, destacou a "coordinación e boa disposición do profesorado, das direccións dos centros e das familias nesta situación extraordinaria na que todos debemos poñer da nosa parte e na que dende logo poderán contar co goberno local de Sanxenxo". A concelleira de Educación, Paz Lago, acudiu a O Cruceiro e O Telleiro, xunto ao concelleiro de Seguridade, Jaime Leiro, e o de Deportes e Servizos Sociais, Daniel Arosa, mentres que o edil de Obras e Servizos, Óscar Vilar Sartages, foi a Magaláns coa edil de Urbanismo, Flavia Besada que tamén acudiu ao de Nantes. O edil de Persoal e Promoción Económica, Marcos Guisasola, asistiu ao comezo do curso escolar do Abrente, mentres que o edil de Medio Ambiente, Juan Deza, e Paula Martínez, acompañaron ao alcalde ao de Portonovo e a concelleira de Planificación Territorial, María Deza, ao da Florida. 
 
No caso de Portonovo, o goberno estudará a posibilidade de ampliar o espazo das beirarrúas para mellorar a seguridade viaria na contorna escolar e deixar nun sentido único a rúa da entrada principal do centro. Unha posibilidade que durante a saída xa foi testeada pola Policía Local coa colocación de conos e deixando o viario cunha soa dirección. En O Cruceiro, o comedor levarase a cabo nun novo espazo. Tal e como solicitou a ANPA ao Concello, operarios municipais realizaron os traballos para comunicar dúas aulas e ampliar a zona de comedor.  No resto de centros continúanse realizando obras de mantemento acordadas antes do inicio do curso escolar tras conversacións coas direccións dos centros educativos.
 
 
 
0
0
0
s2sdefault