Concello de Sanxenxo - SANXENXO ACOLLE O VENRES UN PLENO EXTRAORDINARIO PARA A APROBACIÓN DO ESTUDO DE DETALLE PARA O AXUSTE DE RASANTES DA URBANIZACIÓN DO REVEL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Este trámite xa superou a exposición pública e supón un dos últimos pasos para a licitación do proxecto de urbanización

Sanxenxo acollerá o vindeiro venres un Pleno extraordinario para a aprobación definitiva do estudo de detalle para o axuste de rasantes da urbanización no ámbito do Plan especial de infraestruturas e dotacións na zona do Revel. Un trámite que xa superou a exposición pública e supón un dos últimos pasos para a licitación do proxecto de urbanización da contorna vilalonguesa, tras a aprobación en xunta de goberno e recepción dun informe sectorial da Deputación de Pontevedra.

O goberno local xa ten listo o proxecto para executar a urbanización do Revel que está valorado en 1.259.495 euros. A obra, financiada a través do Plan Concellos 2020 e de fondos propios municipais, é unha prioridade para o goberno local, pois é clave para a recepción do colexio que se atopa en plena construción e servirá para vertebrar a maior bolsa de equipamento público coa que Sanxenxo conta na actualidade.

Os 73.164 metros cadrados do Revel distribúense en rede viaria, 10.022 metros cadrados; parcela do novo colexio,14.333 metros cadrados; espazo da gardaría, 4.560 metros cadrados; equipamento deportivo, 19.566 metros cadrados; zonas libres, 24.686 metros cadrados. A zona conta cun acceso que é insuficiente e por iso a rede viaria será mellorada cunha nova ordenación na que se contempla un viario principal e dous secundarios, así como o acondicionamento de aparcadoiros e espazos libres públicos, incluída a explanación e pavimentación da calzada.

A obra contempla, ademais, a dotación da rede de abastecemento de auga, así como as instalacións de rega e os hidrantes contra incendios. A mellora da rede de saneamento actual incluirá as conducións, colectores de evacuación e os sumidoiros para a recollida de augas pluviais. O ámbito está atravesado por unha liña aérea de media tensión que fornece aos centros de transformación próximos. Uns traballos que xa se atopan en fase de licitación para iniciarse nos próximos días e que conectarán os centros de transformación.

Non é o único punto que se abordará nesta sesión extraordinaria na que tamén se tratará a proposta de Alcaldía sobre a adhesión do Concello de Sanxenxo á rede de concellos "Ágora polo espazo público", unha iniciativa posta en marcha pola Deputación de Pontevedra que aposta pola humanización e por dar protagonismo ás persoas na vía pública. A participación é gratuíta e ademais de intercambiar experiencias e información, para revalorizar os espazos públicos poranse en marcha liñas de subvención por parte do organismo provincial.

A sesión extraordinaria será presencial no salón dos Plenos ás 8:36 horas.

0
0
0
s2sdefault