Concello de Sanxenxo - MERCADONA E XESNOVA GLOBAL INSTALARANSE EN 14.000 METROS CADRADOS DO PARQUE EMPRESARIAL DE NANTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Ámbalas empresas de alimentación obtiveron licenza municipal para pór en marcha a súa actividade na zona

Dúas importantes empresas de alimentación elixiron o parque empresarial de Nantes para asentar a súa actividade no municipio. A empresa de transformación experta no comercio e distribución de produtos do mar conxelados, Xesnova Global, recibiu esta mesma semana licenza para construír a súa nave en catro parcelas que suman unha superficie de 4.500 metros cadrados. A empresa, especializada en especies peláxicas, conta con produtores e provedores de España, Italia, Croacia, Portugal, Marrocos, Túnez, Alxeria, Grecia, Francia, Turquía, Mauritania e Inglaterra.

Na mesma situación atópase a firma de alimentación española Mercadona, instalada xa no municipio e que agora reforzará a súa presenza en Sanxenxo nunha superficie de 9.500 metros cadrados nun total de oito parcelas situadas nunha das principais entradas e saídas do parque empresarial. A nova tenda de alimentación abrirá co novo modelo de tenda eficiente que presenta novidades en todas as seccións e melloras tanto a nivel ambiental como tecnolóxico e de servizo. A firma elixiu un modelo totalmente diferente para asentarse no parque empresarial de Sanxenxo con novas cores e materiais e con amplos espazos diáfanos que facilitarán a entrada de luz natural.

A instalación destas dúas empresas no parque empresarial supón a consolidación do desenvolvemento do parque empresarial e a xeración de emprego directo e indirecto. Estas dúas firmas de alimentación sumaranse a Eroski, Inelsa, Carpiglob e Madeiras Villanueva,que xa están en activo, e A Illa, Andeona Solucións S.L. e Escavacións Dopesa que están en distintas fases de tramitación e construción. O parque empresarial conta con 243 parcelas, 20 son municipais, e o resto, 223 son para actividades de distinto tipo tanto comercial como industrial. Na actualidade, as parcelas con licenza ou en tramitación ocupan 52.500 metros cadrados do total dos 355.018 metros cadrados dispoñibles para actividade industrial ou comercial do parque.

0
0
0
s2sdefault