Concello de Sanxenxo - CONCELLO E CLUBS AVANZAN NUN PLAN PARA UNHA XESTIÓN EFICIENTE DOS CAMPOS MUNICIPAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Deportes, mantiveron un novo encontro esta semana cos directivos dos clubs, Club Xuventude Sanxenxo, o Vilalonga Fútbol Club e a Sociedade Deportiva de Noalla. Durante a reunión acordouse a creación dunha figura de coordinador que sirva de ligazón entre os distintos clubs e o concello para facilitar a xestión e a comunicación. Unha figura que se encargará de mellorar o mantemento, aforro e conservación dos campos de fútbol.

A Concellería de Deportes está a traballar xa nunha ordenanza nova con prezos públicos que permita ao Concello o cobro polo uso das instalacións. Trátase de actualizar un documento do 2001 que se atopa xa totalmente obsoleto e resulta inoperativo na actualidade. As cotas manteranse na media do que se cobran en concellos da comarca como O Grove, Meaño ou Vilagarcía. O obxectivo é que a nova ordenanza póidase aplicar xa antes de finalizar este ano.

Ademais, está a ultimarse tamén un regulamento de usos que fixará e delimitará a utilización do espazo. Durante o encontro, púxose sobre a mesa a necesidade de incluír neste regulamento un réxime sancionador que penalice os comportamentos incívicos dos usuarios nas instalacións.

Os directivos do tres clubs comprometéronse a colaborar no mantemento eficiente dos campos de fútbol coa proposta de fórmulas que axuden a reducir o custo da súa conservación e uso.

A partir de agora, ás reunións convocaranse ao resto de clubs do municipio como AX Saraiba do Mar, Viaxes Interrías Fútbol Feminino, E.F. Sport 2017, Dorrón C.F., Portonovo S.D. e SC Liberdade para que traballen da man neste novo plan de xestión como usuarios dos campos de fútbol municipais.

0
0
0
s2sdefault