Concello de Sanxenxo - ENTRETENDAS REFORZA A CAMPAÑA DE "TENDA X TENDA" COA VOLTA AO COLE E A REPARTICIÓN DE 500 EUROS EN VALES COMPRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Dúas nunha. Así é a última acción promocional do comercio de Sanxenxo levada a cabo por Entretendas e na que colabora o Concello co obxectivo de dinamizar o sector e potenciar o pequeno comercio:  "De tenda X tenda=Entretendas" e "Volta ao cole". O presidente do colectivo, Xullo Presas, e o deseñador da plataforma de venda online Zaska, Yago Novoa, xunto ao concelleiro de Promoción Económica, Marcos Guisasola, presentaron onte ambas as accións promocionais e explicaron o funcionamento da nova canle de venda.

A campaña "De tenda X tenda=Entretendas" servirá nesta ocasión como ligazón da "Volta ao cole" na que sortearán varios lotes de material escolar valorado en 50 euros cada un. Os que desexen participar deberán ver os vídeos emitidos nas redes sociais de Entretendas sobre os distintos establecementos comerciais e atopar o cinco logos da asociación que estarán situados aleatoriamente en dez deles. Unha vez localizados os logos, deberán de darlles a "gústame" e compartir o contido.

"Tentamos visibilizar e humanizar os nosos comercios con vídeos promocionais. Queremos achegar o noso gran de area para que coñezan as nosas tendas e que saiban o que se pode comprar en Sanxenxo. Pero tamén queremos facer máis levadía a volta ao cole dos nosos veciños, este ano especialmente dura polo Covid", explicou Presas.

Durante a presentación das campañas tamén se deu a coñecer o funcionamento dunha nova canle de venda online Zaska coa que xa están a traballar 33 comercios locais de forma totalmente gratuíta. "Animo aos comercios a sumarse a esta plataforma de venda e a dixitalizar a súa oferta para tratar de chegar ao maior público posible", sinalou Presas.

O creador da plataforma incidiu na importancia da innovación da plataforma e á importancia dunha canle como Zaska de dixitalización de venda con presenza en toda España e en Portugal. "A día de hoxe hai moita competencia no mercado e é importante que tanto o sector do comercio como o da restauración sómense a esta plataforma", sinalou.

0
0
0
s2sdefault