Concello de Sanxenxo - SANXENXO REBAIXARÁ UN 0,6% O RECIBO DA AUGA EN 2021 E MANTÉN CONXELADOS OS IMPOSTOS QUE MÁIS RECADAN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O goberno levará o vindeiro martes a unha comisión de contas extraordinaria as modificacións en sete ordenanzas fiscais
O goberno local convocará o vindeiro martes unha comisión extraordinaria de contas para abordar a modificación en sete ordenanzas fiscais que entrarán en vigor en 2021. Tres delas referentes ao tratamento e abastecemento de auga que, unificadas baixo un só recibo trimestral, incluirán unha rebaixa do 0,6%, segundo a última revisión do Índice de Prezos de Consumo (IPC).

Na ordenanza de Imposto de Bens en Inmobles (IBI) incluirase unha exención para os centros de saúde, algo que xa se estaba aplicando, pero non aparecía recollido no texto. A taxa do IBI manterase ao 0,40 mínimo que permite a lei e así se mantén desde 2018, tras dúas rebaixas consecutivas, promovidas polo Partido Popular. Desta forma o goberno mantén a política de conxelación das taxas e impostos que máis recadan cada ano como a da recollida de lixo, a de vehículos e o IBI.

A comisión de contas tamén abordará a reactivación da taxa de terrazas suspendida con motivo do Covid-19, pero farao cos mesmos prezos de 2008.

A ordenanza do Punto Limpo dará a partir de 2021 cabida ao depósito de colchóns por parte de empresas cun custo por peza de 5 euros. A tarifa por colchóns non se aplicará a particulares até un máximo de tres unidades por vivenda ou unidade familiar ao ano. Finalmente, fixarase unha tarifa mínima de 20 euros na ordenanza da ocupación da vía.

A comisión extraordinaria de contas terá lugar o vindeiro martes ás 9 horas e realizarase por videoconferencia. A modificación das sete ordenanzas farase efectiva en sesión plenaria.

0
0
0
s2sdefault