Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REACTIVA O PROXECTO DE HUMANIZACIÓN DA CONTORNA DO COLEXIO E DA PRAZA DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Trátase dunha actuación integral que potencia as zonas peonís, mellora a seguridade viaria e crea unha trama de arboledo e vexetación nas rúas Areal e Espiñeiro
 
O Concello de Sanxenxo reactiva o proxecto de humanización da contorna do colexio e da praza de Portonovo para potenciar as zonas peonís e mellorar a seguridade viaria valorado en 833.633 euros. A actuación, que ten un prazo de execución de 6 meses, sufragarase con axuda da Deputación de Pontevedra e con fondos propios. Ambas administracións comparten o obxectivo de dar maior protagonismo e seguridade ao peón nun espazo tan concorrido de Portonovo. 
 
Trátase da zona máis utilizada polos veciños xa que concentra varios equipamentos e edificios como o colexio, o mercado, comercios, o edificio usos múltiples, as pistas deportivas e o parque do Espiñeiro. 
 
A actuación centrarase en mellorar a Rúa Areal, a travesía do mesmo nome, a Rúa Espiñeiro e a contorna do mercado. Necesita unha profunda actuación pois ten importantes deficiencias, beirarrúas estreitas e en mal estado, circulación de vehículos desordenada, mobiliario obsoleto, iluminación deficiente, así como falta de arboledo e zonas axardinadas. 
 
CLAVES DA OBRA
  • Renovación de practicamente a totalidade da rede de saneamento, pluviais e abastecemento de auga 
  • Substitución de toda a rede de iluminación pública, coa instalación de 67 novos farois ou báculos 
  • Ampliación e mellora das beirarrúas, separando o espazo de iluminación e os sinais de circuítos de tránsito.     
  • Espazos peonís e de cruces con baldosas de granito
  • Creación de zonas axardinadas e ampliación das existentes. 
  • A rúa Areal manterá a súa dobre dirección, a rúa Espiñeiro terá sentido único desde Rafael Picó á rúa Areal. Outro cambio é o sentido da circulación da travesía de Areal, agora ten sentido de entrada e pasará a ser de saída que utilizará o bus de transporte público que parará na marquesiña.  
 
A praza do mercado 
 
Os arquitectos que desenvolveron o proxecto fan especial énfase na mellora da praza do mercado, que inclúe a zona de aparcadoiro, a marquesiña e a zona verde adxacente a ambas. 
 
Proponse unificar este tres espazos cunha urbanización similar, mellorando os camiños e o pavimento da zona verde, a utilización da marquesiña para o transporte público e ordenando a chaira de aparcadoiro anexa ao mercado. En lugar do asfalto actual, proponse pavimentar este parking con céspede o que suavizará o seu impacto achegando unha imaxe en sintonía coa zona verde e o parque do Espiñeiro. 
 
 
0
0
0
s2sdefault