Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DERRUBARÁ O QUIOSCO DE VILALONGA COMO PASO PREVIO Á REFORMA DA PRAZA PÚBLICA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos de demolición xa están contratados e teñen un custo de case 11.000 euros
 
O goberno local quere executar nos próximos meses a remodelación da Praza Pública de Vilalonga. Como paso previo, xa contratou o derribo do quiosco, situado no espazo, que se realizará nas próximas semanas e que terá un custo de case 11.000 euros. Os traballos iniciaranse unha vez que a empresa encargada da demolición dispoña dos permisos de xestión e retirada de amianto da uralita que conforma a cuberta.
 
A saída do vello quiosco da praza servirá como preámbulo á redacción do proxecto definitivo cuxa filosofía responderá á mellora do aproveitamento e ordenación dos 4.388 metros cadrados de superficie, así como a recuperación do espazo de convivencia e goce veciñal orixinario da praza. 
 
A idea do goberno é triplicar a zona de xogo infantil que se atopa nestes momentos nunha das esquinas da praza e reservar unha superficie de aproximadamente 3.000 metros cadrados como espazo multifuncional e polivalente. Ademais, quere reforzar o arboledo da alameda con máis especies que permitirán dotar a praza de máis e mellores zonas de sombra. O alcalde, Telmo Martín, visitará a próxima semana a praza acompañado do técnico que se encargará de executar o proxecto definitivo.
 
A remodelación da praza será unha realidade tras un longo proceso que incluíu o cambio de titularidade a pública en novembro de 2019 tras un acordo amigable entre o alcalde, Telmo Martín, coa familia Campo para a presentación dunha demanda sobre a propiedade da praza que seguía rexistrada a nome da familia. O Concello fixo ademais efectiva en marzo do ano pasado a compra do quiosco tras abonar ao propietario 39.703 euros, tasación realizada polo arquitecto municipal dos 75 metros cadrados do inmoble.
 
 
0
0
0
s2sdefault