Concello de Sanxenxo - A HUMANIZACIÓN DO VIARIO DE O SANTO ARRANCA CO LEVANTAMENTO DO ASFALTO E O SOTERRAMENTO DO CABLEADO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O obxectivo é converter o acceso ao núcleo de O Santo nun espazo de convivencia con vehículos, pero con preferencia peonil
 
Converter a contorna do núcleo de poboación e da capela de O Santo nun espazo humanizado e de convivencia entre o tráfico peonil e rodado, respectando unha contorna con alto valor patrimonial no que existe un cruceiro e unha capela. Ese o obxectivo da obra que arrincou esta mesma semana na parroquia de Nantes co levantamento do asfalto e o soterramento do cableado e tubaxes. 
 
O alcalde, Telmo Martín, acompañado das concelleiras de Planificación Territorial, María Deza, e de Urbanismo, Flavia Besada, supervisaron o inicio dos traballos cunha visita á zona na que estiveron algúns veciños que se interesaron polos traballos. Martín asegura que a obra converterá "o espazo nunha gran praza pública" marcada pola superficie de empedrado e polos resaltos que se colocarán nos accesos para que o condutor perciba a humanización da contorna cando transite pola zona.
 
Os traballos obrigan a cortar o tráfico no viario de actuación e a establecer itinerarios alternativos durante o tempo de execución das obras e o asentamento do empedrado. A parada de autobús trasládase agora a tres localizacións diferentes segundo o centro educativo ao que acudan. Algúns son recollidos diante do Bar Berlín e o hotel Turimar, mentres que outros deben coller o autocar na Cachada. O goberno lamenta os inconvenientes que estes traballos poidan causar nos veciños da contorna, pero considera que os beneficios tras as obras serán notorios.
 
A adxudicataria da obra, Construcións Castro Figueiro, dispón de dous meses e medio para a execución da obra valorada en 210.282 euros que será financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A actuación, prevista en 140 metros, inclúe tamén melloras no ámbito do saneamento, coa dotación dunha nova rede de recollida de pluviais e dun colector, así como o soterramento do cableado.
En canto á iluminación pública, está prevista a instalación dunha nova canalización eléctrica e a renovación dos farois, con iluminación led para mellorar a eficiencia enerxética. Respecto ao mobiliario urbano, está prevista a instalación de bancos e papeleiras, e unha pantalla para reducir o impacto visual dos colectores de lixo. A pavimentación será realizada usando laxas de granito, mentres que a pedra da zona perimetral da capela será sometida a unha limpeza manual.
 
 
 
 
 
0
0
0
s2sdefault