Concello de Sanxenxo - EMERXENCIAS DE SANXENXO PECHOU 2020 CUN TOTAL DE 432 INTERVENCIÓNS E 1.169 ASISTENCIAS POR COVID
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os incendios concentraron o maior número de saídas e actuacións do servizo municipal durante o pasado ano
 
Un total de 432 intervencións e 1.169 asistencias por Covid é o balance de incidencias rexistrado polo servizo municipal de Emerxencias durante 2020. A pandemia obrigou a orientar o servizo á atención de persoas que precisaron illamento coa realización das compras de alimentación ou farmacia, retiradas de residuos, distribución de máscaras ou mesmo a repartición de material educativo ás distintas familias durante o confinamento.
 
En canto ás intervencións en emerxencias destacan os incendios con 111 fronte ás actuacións en situacións de riscos, 99; en rescates, 25; e accidentes de tráfico, 44. O balance total supón un lixeiro descenso respecto de 2019 cando se contabilizaron 479 intervencións, é dicir, 47 menos. O lume foi precisamente un dos motivos polos que o servizo municipal tivo que, durante o pasado ano, levar o seu equipo con motobomba fóra do seu radio de actuación (Sanxenxo, Poio e Meaño) a Cerdedo-Cotobade en 2 ocasións, a Vilanova en 3 e a Meis en 1 caso tras ser requirido por Medio Rural.
 
O balance reflicte o número de intervencións por días da semana. O mércores e o venres rexistran o maior número de incidencias con 76 e 66, respectivamente. As restricións de mobilidade reduciron a taxa de accidentes de tráfico que normalmente encabezaban a listaxe de intervencións.
 
En 2020 o servizo de Emerxencias puxo en marcha a aplicación Gesparque, unha ferramenta que recolle as necesidades e os parámetros cos que traballa un parque de bombeiros, desde o informe dunha intervención até o inventario de material ou a elección da mellor ruta para acudir a unha emerxencia. 
 
 
 
0
0
0
s2sdefault