Concello de Sanxenxo - A OBRA DO NOVO LOCAL DO CENTRO SOCIAL DE GONDAR ENCARA A SÚA RECTA FINAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A previsión é que os traballos xa estean concluídos o próximo mes de xuño
 
A obra do local social de Gondar encara a súa recta final cos acabados exteriores e os remates do interior pendentes. O alcalde, Telmo Martín, xunto á tenente de alcalde, María Deza, supervisaron esta semana o avance dos traballos xunto ao director de obra e técnicos da empresa adxudicataria da construción do edificio. 
 
O interior, que xa conta coas divisións dos espazos, disporá de dous baños, unha oficina, un almacén e unha ampla sala polivalente que comunicará cunha terraza exterior exposta como un lugar de encontro con árbores e bancos, prolongación da sala interior. O exterior do edificio combinará pedra e céspede, así como unha ampla e alargada xardineira á entrada do local que servirá para separar o acceso dunha das zonas de aparcadoiro e garantindo, en todo momento, a accesibilidade. As paredes exteriores acristaladas achegarán unha gran luminosidade ao edificio que contarán tan só con catro celosías colocadas estratexicamente para ofrecer unha maior intimidade ao espazo. 
 
A actuación permite a integración da edificación proxectada na contorna da chaira pétrea (de recente construción) existente e lindante coa Capela de Santo Tomé de Gondar. A distancia entre a edificación do local e a capela, medidos entre os extremos máis próximos de fachadas, é de 25 metros.
 
Os traballos, valorados en 254.000 euros, realizaranse con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e responden a unha vella demanda veciñal en Vilalonga. A previsión é que as obras estean concluídas o próximo mes de xuño.
 
 
 
0
0
0
s2sdefault