Concello de Sanxenxo - O CONCELLO REFORMARÁ E HUMANIZARÁ A PRAZA DE MÉNDEZ NÚÑEZ DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O proxecto ten un custo de 112.849 euros e estímase un prazo de execución de cinco meses
 
A Praza de Méndez Núñez de Portonovo será obxecto dunha profunda mellora na que se priorizará o uso peonil e mellorarase a accesibilidade. O Concello de Sanxenxo conta xa cun proxecto que ten un custo de 112.894 euros que serán financiados ao 70% pola Xunta de Galicia a través do Plan Hurbe e o 30% con fondos municipais. 
 
Para a praza de case 500 metros cadrados de superficie e xerada polo cruzamento de tres viarios, o proxecto expón catro plataformas totalmente horizontais que conectarán de forma directa a Rúa Mariña coas vivendas e locais de restauración situados neste espazo. Estas plataformas crearanse con muros de contención de formigón e con acabados de granito cor gris.
 
A actuación busca xerar dous fluxos de tráfico, o rodado e o peonil, que se distinguirán por dúas cores de granito, o gris para o peón e o rosa salmón para os vehículos. O proxecto expón eliminar o tráfico rodado da rúa Méndez Núñez, só no tramo que coincide coa praza, para conectar de forma directa o novo espazo horizontal coas edificacións existentes. A mobilidade peonil realizarase a través duns pasos que atravesarán a praza. O tráfico rodado manterase na Rúa da Mariña como prolongación da travesía de Santa Catalina.
 
Co obxectivo de realizar unha praza agradable para a estancia e goce do espazo, haberá bancos, xerados a través do muro de contención de formigón, pequenos parterres que incluirán especies arbóreas, que xerarán sombras, varandas de aceiro inoxidable onde se requira un elemento de protección e un único mastro encargarase de iluminar a totalidade de praza e a súa contorna inmediata a través de catro luminarias, orientadas de forma específica e intencionada.
 
O prazo de execución estimado do proxecto é de cinco meses.
 
0
0
0
s2sdefault