Concello de Sanxenxo - A OBRA DE URBANIZACIÓN DE O REVEL AVANZA E PREVESE QUE ESTEA LISTA NO MES DE XULLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O movemento de terras xa está case concluído e os traballos céntranse na canalización de parte do regato  
 
As obras de urbanización de O Revel avanzan a bo ritmo. Os movementos de terra para elevar a cota do terreo están practicamente concluídos e agora os traballos céntranse na canalización de parte do regato que cruza a contorna. Unha actuación que se estende ao longo de 30 metros con caixóns de formigón de 3x2 metros baixo os viarios que vertebrarán a contorna con maior equipamento público do municipio. Limparase da canle, preservando especies como salgueiros e alisos, e na parte descuberta do río colocaranse valos para protexer as zonas sensibles.
 
A empresa adxudicataria das obras Covsa ten tamén practicamente finalizada a canalización de pluviais e fecais. Unha vez concluídas, comezarase a construción de beirarrúas e o asfaltado de viarios ao que seguirá a instalación da iluminación, o mobiliario, o acondicionamento de zonas verdes e a sinalización. 
 
O proxecto de urbanización contempla tres viarios, con dous carrís de 3 metros, unha rotonda que axudará a achegar fluidez ao tráfico e a dotación de 84 prazas de estacionamento. As beirarrúas previstas terán unha anchura mínima de 2 metros e unha máxima de 4,5 metros.
 
As melloras aceptadas pola empresa adxudicataria da obra están valoradas en 121.926 euros e fan referencia ao embelecemento da contorna coa plantación de 111 árbores de distintas especies como arces, jacarandas, magnolios, acivros ou camelias, entre outras. Tamén se inclúe unha mellora da iluminación da zona verde con 16 novas luminarias e a plantación de céspede.
 
O financiamento para o proxecto de 1,2 millóns de euros correrá a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e de fondos propios municipais. O prazo de remate das obras prevese no mes de xullo.
 
0
0
0
s2sdefault