Concello de Sanxenxo - SANXENXO COMBINA TEATRO, CINE, PATRIMONIO E TRADICIÓN NA CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os sete grupos folclóricos do municipio únense nun vídeo homenaxe a Xela Arias, grabado en lugares emblemáticos de cada parroquia

Sanxenxo aposta pola combinación de teatro, cine, patrimonio e tradición para a celebración das Letras Galegas que este ano adicaranse á autora Xela Arias. Coa intención de prolongar a cita, a Concellería de Cultura e Educación, dirixida por Paz Lago, artellou unha programación que arrancou o venres nos colexios de Magaláns e A Florida cunha sesión de teatro para Infantil e Primaria, “Xeliña fala galego” da compañía Caxoto. Trátase dunha adaptación da obra “Non te amola!”, dirixida ao público infantil e en gran medida autobiográfica da súa nenez. Caxoto visita a figura da autora dende a experiencia como neno que viviu na década dos 90 compartindo os mesmos referentes que Xela Arias con lembranzas, historias de vida, contos e cantigas. A sesión se levará a vindeira semana aos centros educativos de Nantes, Noalla, Portonovo e Vilalonga.

Nos centros educativos de secundaria de IES Sanxenxo, IES Vilalonga e Colexio Abrente realizarase en colaboración cos equipos de normalización lingüística dos centros unha unidade didáctica a partir da proxección do filme “María Solinha” o vindeiro 16 de maio no Pazo Emilia Pardo Bazán ás 20 horas. O director do filme traballará vía streaming co alumnado dos centros. No faltará tampoco no eido educativo o concurso Picariños organizado por Circulo Cultura e Deportivo de Sanxenxo.

A tradición e o patrimonio chegará da man dos sete grupos folclóricos do municipio. Coordinados por Soalleira e en colaboración coa Concellería de Cultura os grupos Abiñadoira, Os Gatiños, Lembranzas, Retesías, Airiños da Lanzada e Os Cruceiros percorrerán nun vídeo homenaxe a Xela Arias lugares emblemáticos das sete parroquias de Sanxenxo. Un vídeo que se colgará nas redes sociais municipais para que os veciños e veciñas poidan velo.

O 17 de maio, a Praza de Pascual Veiga será o escenario que servirá para recordar a obra da autora. Será ás 12 horas e pechará o acto a interpretación do himno galego a cargo de Abiñadoira. O acto acollerá a entrega de premios escolares do Concurso Picariños.

A partir das 19 horas, o grupo “Onte e hoxe” ofrecerán un concerto que se emitirá polas redes sociais Facebook e Youtube.

Ademais, a Secretaría xeral de Política Lingüística no marco da programación institucional conmemorativa das Letras Galegas 2021 da Xunta de Galicia, achegará a actividade Xela Arias. Poeta nas marxes, consistente en proxeccións audiovisuais do documental homónimo dirixido por Beatriz Pereira. As proxeccións, dirixidas a todos os públicos dende os 12 anos de idade, chegarán desde este mes a 30 concellos da Rede de Dinamización Lingüística, entre eles Sanxenxo.

0
0
0
s2sdefault