Concello de Sanxenxo - "SANXENXO, DEGUSTA TAPAS" REGRESA AO CALENDARIO PARA MOSTRAR A CALIDADE GASTRONÓMICA DA HOSTALARÍA LOCAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O prazo de inscrición dos locais de hostalaría conclúe este mércores e a cita celebrarase entre o 4 e o 20 de xuño
 
Os locais de hostalaría do municipio volverán presumir de gastronomía co XI Concurso Sanxenxo Degusta Tapas que se celebrará entre o 4 e o 20 de xuño. A cita que xa está plenamente arraigada no calendario de eventos do municipio atrasouse este ano respecto de edicións anteriores debido á pandemia, pero agora coa mellora da situación sanitaria, o Concello aposta por retomala e apoiar así a un dos sectores económico máis castigados polo Covid
 
A proposta foi ben recibida polo sector e agora os establecementos que estean interesados en participar teñen de prazo para inscribirse até este mércores. Como en edicións anteriores haberá dous tipos de tapas: Tradicional e creativa. O prezo será de 2 euros e non inclúe a consumición. Os establecementos deberán cumprir co protocolo anticovid vixente no momento do concurso.
 
A participación dos locais é gratuíta e os establecementos inscritos incluiranse nun mapa de localización de todos os establecementos xunto ás propostas presentadas. O Degusta Mapa servirá de referencia ao público en xeral para situar e coñecer os establecementos candidatos, os seus horarios de degustación e a súa oferta, facilitando así a posibilidade de degustar as propostas participantes durante os días e horario previamente establecidos.
 
Todos os locais adheridos a Sanxenxo Degusta Tapas participarán nun concurso onde se outorgarán os premios á Mellor Tapa Tradicional e Mellor Tapa Creativa. Serán os clientes que consumisen polo menos en cinco establecementos os que poderán votar a mellor tapa en cada modalidade. 
 
Co obxectivo de incentivar o consumo local, o concurso inclúe premios tamén para os clientes a través de distintos sorteos que levarán a cabo durante o dezasete días do concurso. O valor dos premios será maior cantos máis locais visiten e consuman.
 
0
0
0
s2sdefault