Concello de Sanxenxo - O XIMNASIO E A PISCINA MUNICIPAL RETOMAN A ACTIVIDADE CO 50% DE AFORO E UN ESTRITO PROTOCOLO ANTICOVID
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade volveu esta mañá ao ximnasio e piscina municipal de Sanxenxo cun aforo limitado ao 50%, un estrito protocolo anticovid e un reforzo na limpeza. Para garantir un correcto uso das instalacións e garantir unha ocupación racional e controlada establecéronse quendas con e sen reserva por franxas horarias e con limpeza posterior tras a actividade. Na piscina a entrada non precisará, polo momento, reserva xa que os cursos pospóñense a xullo. A partir de agora, os usuarios do ximnasio que acudan sen reserva deberán respectar o tempo de uso marcado e non poderán superar en ningún caso as 27 persoas na sala. Os que o fagan con reserva deberán facelo a través a aplicación DeporWeb destinada a socios e abonados.
 
Para garantir a seguridade sanitaria, as instalacións aplicaron varias medidas de prevención fronte ao Covid:
 
  •  Un punto obrigatorio de control automático de temperatura na entrada.
  •  Diferentes puntos de desinfección de mans pola instalación.
  •  Varios puntos de limpeza para os usuarios do ximnasio e dos vestiarios para hixienizar maquinaria, bancos, taquillas...
  •  Andeis na zona de baño da piscina para que os usuarios teñan onde deixar a súa máscara e toalla.
  •  Módulo de 15 taquillas na entrada do ximnasio para que os usuarios poidan deixar as pertenzas sen ter que pasar pola zona de vestiarios.
  •  Biombos divisorios nalgunhas máquinas da zona cardiovascular.
  •  Sinalización de percorridos por toda a instalación.
  •  Medidores de CO2 para controlar a correcta ventilación da instalación.
Tanto o ximnasio como a piscina reabren cunha profunda renovación que inclúe nova maquinaria do ximnasio o que permitiu habilitar dúas zonas novas, unha funcional e outra de abdominais e estiramentos, así como novas taquillas e biombos nas duchas dos vestiarios. Na piscina renovouse o sistema de impulsión de aire e colocáronse dúas novas duchas na piscina pequena. En todos os espazos realizouse un pintado xeral, un rexuntado de plaquetas e un cambio no sistema da iluminación a luces tipo LED, e procedeuse á limpeza de todos os condutos de ventilación das diferentes zonas.
 
Finalmente, lembrar que aos usuarios que teñan bonos activos pendentes de 10 ou 15 sesións conservaráselles a caducidade de antes do peche e aos cursillistas en activo en marzo do ano pasado reservaráselles a praza para a próxima tempada co primeiro mes gratis.
0
0
0
s2sdefault