Concello de Sanxenxo - O PARQUE EMPRESARIAL DE NANTES ACOLLERÁ UN PROXECTO INNOVADOR PARA A FABRICACION DE BATERIAS DE USO RESIDENCIAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 
A empresa Inelsa, en colaboración con dous investigadores de Enercraft, fabricará baterías alcanzables para almacenar enerxía solar 
 
Sanxenxo ten motivos para ilusionarse con novos proxectos económicos que contribuirán a complementar o que é, e seguirá sendo, a súa principal actividade económica, o turismo. O parque empresarial de Nantes era a condición imprescindible para que en Sanxenxo puidesen xurdir novas oportunidades de xerar emprego e riqueza. 
 
Pouco máis de 2 anos despois da súa posta en marcha instaláronse no recinto empresas punteiras nos seus respectivos sectores. É o caso de Inelsa, empresa do sector eléctrico, da que estamos moi orgullosos por que naceu en Sanxenxo en 1986 e desde entón foi capaz de conquistar o mundo grazas á súa capacidade de servizo e innovación. Pioneira na enerxía solar participou no deseño e instalación de grandes parques fotovoltaicos en catro continentes.          
   
Hai 35 anos a familia Domínguez creou un humilde negocio que décadas despois se converteu nunha empresa innovadora cunha gran presenza internacional e un persoal de 116 persoas. A súa sede administrativa está en Aios, Noalla e tamén dispón dunhas novas instalacións no parque empresarial de Nantes. Ao longo da súa traxectoria participou no deseño de instalacións eléctricas, convencionais e de enerxía solar, en máis de 35 países. Reino Unido, Francia, Italia, Bulgaria, Dubai, Kuwait, Canadá, Arxentina, Chile, México, Marrocos, son algúns deles.        
  
A empresa dá un paso máis na súa política de I+D+i e aposta pola fabricación de baterías de uso residencial con capacidade para almacenar até 10 KW de enerxía solar. Para facer realidade este proxecto conta coa colaboración de dous investigadores, un cambadés e un arxentino, da empresa Enercraft. O obxectivo é sacar ao mercado baterías destinadas ao uso residencial, intelixentes e interconectables, pero que á vez sexan alcanzables en prezo e, por tanto, amortizables en poucos anos.
Nestes días que tanto se fala da subida da luz coñecemos un proxecto que nos axudará a aforrar na factura e que, ademais, contribúe a diminuír as emisións de CO2. Seguramente na próxima década as baterías para almacenar enerxía solar converteranse nun "electrodoméstico" máis da casa. O goberno móstrase "moi orgulloso" de que unha empresa de Sanxenxo impulse unha iniciativa que mellora a calidade de vida das persoas e contribúe a diminuír o quecemento global.          
 
0
0
0
s2sdefault