Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO REFORZA O SEU PLAN CONCILIA CUNHA PROPOSTA LÚDICA E OUTRA DEPORTIVA PARA ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
O Concello de Sanxenxo asinou esta semana un convenio de colaboración coa Asociación Xuvenil Saraiba do Mar co obxectivo de reforzar e diversificar a oferta do Plan Concilia, un programa destinado ás familias que necesitan compaxinar a vida laboral e familiar durante o verán. As actividades darán comezo o próximo 23 de xuño.
 
O plan conta con dúas propostas complementarias, coordinadas polas concellerías de Educación e Deportes, en dúas localizacións diferentes. O pavillón municipal de Baltar acollerá a modalidade deportiva, en horario de 8 a 16 horas, pensada para nenos e nenas de entre 6 e 14 anos, nos que se practicarán baloncesto, fútbol, voleibol praia, balonmán, béisbol, xogos na natureza... O pavillón municipal da Florida é a localización para a proposta lúdica, prevista para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, en horario de 8 a 15 horas, na que se realizarán veladas nocturnas, saídas ás praias, xogos tradicionais, xogos grupales, xogos de auga, manualidades, contacontos... En ambas propostas priorizarase a estancia ao aire libre en espazos públicos do municipio.
 
O número máximo de prazas por quincena é de 100 participantes. Nas dúas modalidades, estableceranse grupos fixos e estancos de 10 nenos por monitor para garantir o cumprimento do protocolo de seguridade. Os participantes e monitores deberán usar máscara e tomaráselle a temperatura á entrada das instalacións.
 
En canto ás tarifas, de 9 a 15 horas, fíxase unha cota por quincena de 60 euros, por un mes 90 euros,  por dous meses 170 euros, e o programa completo por 200 euros. Se a familia necesita ampliar o horario, de 8 a 9 horas, deberase abonar 10 euros por quincena, e de 15 a 16 horas, terá un custo suplementario de 10 euros por quincena. As familias interesadas deberán encher a inscrición, que estará colgada na web municipal, no apartado de Educación, Cultura e Xuventude, por participante e indicar a modalidade de concilia escollida. 
 
Unha vez confirmada á familia a adxudicación da praza, disporán de tres días para presentar a seguinte documentación na Casa Mariñeira de Don Fernando ou no correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. : Fotocopia do cartón sanitario do neno, fotocopia do DNI do neno, autorización para a recollida, declaración xurada da situación laboral actual dos proxenitores e xustificante de pago. Para máis información poderán chamar ao teléfono 605 438 128 ou ao 986 724 297.
 
0
0
0
s2sdefault