Concello de Sanxenxo - SANXENXO REFORZARÁ O SEU OPERATIVO DE SEGURIDADE DE VERÁN CON MÁIS AXENTES DA POLICÍA LOCAL E DA GARDA CIVIL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Rallye de Pontevedra que acollerá este fin de semana o municipio estará controlado por terra e aire cun amplo dispositivo de vixilancia

Sanxenxo volverá contar cun amplo dispositivo de seguridade acorde co incremento poboacional que experimenta o municipio durante a tempada estival. Así se acordou na Xunta Local de Seguridade, presidida polo alcalde, Telmo Martín, e a subdelegada do goberno, Maica Larriba, celebrada esta mañá na que a coordinación e colaboración entre a Policía Local e a Garda Civil volveu estar moi presente no plan de seguridade para este verán.

Os reforzos volverán ser importantes e mesmo se incrementarán respecto ao verán pasado. A Policía Local contará con 24 axentes de persoal e 35 auxiliares (4 incorporáronse xa en Semana Santa e 31 sumaranse nos próximos días). Pola súa banda, a Garda Civil fará tamén un importante esforzo cunha ampliación do seu persoal habitual con 20 axentes máis que dedicaranse ao control de tráfico e de seguridade cidadá. "Sanxenxo volverá ser un referente de seguridade, grazas a coordinación entre a Policía Local e a Garda Civil. Os datos dinnos que este verán vai a haber moita  máis xente que o ano pasado e precisamos o maior apoio posible dos corpos de seguridade e así vai a ser", indicou Martín.

Os datos de criminalidade sitúanse lixeiramente por encima da media da provincia un comportamento que o coronel xefe da Garda Civil, Simón Venzal, atribúe a que Sanxenxo mantivo durante o pasado verán, cando se concentra un maior número de visitantes, unhas cifras de poboación moi superiores a outros concellos de Galicia. En xeral, e como no resto da provincia, a tendencia é a baixada dos roubos e furtos, pero cunha subida das estafas por internet. Sanxenxo conta cun "posto punteiro", segundo indicou Venzal,da Garda Civil cun equipo de investigación propio de ciberdelitos e está prevista unha campaña de sensibilización por parte da Benemérita.

Pola súa banda, a subdelegada mostrou a súa total colaboración ao considerar Sanxenxo "un municipio excepcional" polo incremento de poboación e a súa importancia turística. Larriba puxo especial énfase nos datos de violencia de xénero e vicaria recistrados na provincia. "Desde o 2003 a violencia de xénero cobrouse máis de 41 nenos e nenas, asasinados polos seus pais, e 1.096 asasinadas polas súas exparejas", indicou.

Os participantes na xunta local de seguridade acordaron onte por unanimidade recoller na acta "o pesar e consternación" polos casos de violencia vicaria e de xénero rexistrados nas últimas horas.

Outro dos asuntos acordados na xunta local foi apagar o semáforo das Salinas en Noalla desde o 1 de xullo e até o 31 de agosto para dar unha maior fluidez ao tráfico nunha época na que existe unha gran afluencia de vehículos.

Operativo especial

Outro dos asuntos abordados durante a Xunta Local de Seguridade foi a celebración do Rallye de Pontevedra "Memorial Miguel Álvarez". Unha proba que conta con case 200 inscritos e que terá o seu porto base en Sanxenxo cun tramo da competición automobilística no parque empresarial. A Garda Civil despregará un amplo dispositivo de 60 axentes por terra e aire para controlar a proba e os desprazamentos. Tamén a Policía Local reforzará o persoal este fin de semana con este motivo. A subdelegada do goberno, Maica Larriba, incidiu na "responsabilidade" da organización no desenvolvemento do primeiro rallye que se celebra tras máis dun ano sen celebracións deste tipo.

O alcalde apuntou que esta mesma tarde o oficial da Policía Local, Manuel Parga, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro, reuniranse de novo coa organización para revisar o plan de tráfico e de seguridade. "Imos a pedirlle prudencia non só na proba senon tamén nos desprazamentos entre municipios e os emprazamentos dentro do concello", explicou.

0
0
0
s2sdefault