Concello de Sanxenxo - O INICIO DA HUMANIZACIÓN DA PRAZA MÉNDEZ NÚÑEZ OBRIGA A REALIZAR CAMBIOS TEMPORAIS DE TRÁFICO NAS RÚAS PRÓXIMAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 
A partir deste luns, ás 8 horas, limitaranse os accesos pola Avenida Victoria, Rúa da Mariña e Travesía de Santa Catalina
 
O inicio das obras de humanización da Praza de Méndez Núñez en Portonovo obrigará, a partir das 8 horas deste luns, a limitar os accesos pola Avenida Victoria, Rúa da Mariña e Travesía de Santa Catalina. Os traballos que arrincaron esta mesma semana centraranse na praza de case 500 metros cadrados de superficie xerada precisamente por este tres viarios. 
 
Os cambios temporais de tráfico impedirán o acceso directo desde a Rúa da Mariña ao porto que deberá realizarse a través da Rúa Arturo Fontán, a Avenida Victoria quedará habilitada só para residentes con entrada e saída por Méndez Núñez, e o acceso ao porto non se poderá realizar tampouco pola Travesía de Santa Catalina, limitada a residentes e servizos. 
 
A actuación que se está executando en Portonovo expón catro plataformas totalmente horizontais que conectarán de forma directa a Rúa Mariña coas vivendas e locais de restauración situados neste espazo. Estas plataformas crearanse con muros de contención de formigón e con acabados empedrados de granito cor gris.
 
A actuación busca xerar dous fluxos de tráfico, o rodado e o peonil, que se distinguirán por dúas cores do empedrado, o gris para o peón e o rosa salmón para os vehículos. Tras a actuación, eliminarase o tráfico rodado da rúa Méndez Núñez, só no tramo que coincide coa praza, para conectar de forma directa o novo espazo horizontal coas edificacións existentes. A mobilidade peonil realizarase a través duns chanzos que atravesarán a praza. O tráfico rodado manterase na Rúa da Mariña como prolongación da Travesía de Santa Catalina.
 
Co obxectivo de realizar unha praza agradable para a estancia e goce do espazo, haberá bancos, pequenos parterres que incluirán especies arbóreas, que xerarán sombras, varandas de aceiro inoxidable onde se require un elemento de protección e un único mastro encargarase de iluminar a totalidade da praza e a súa contorna inmediata a través de catro luminarias.

Esta actuación está cofinanciada pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Xunta de Galicia, repartida na anualidade 2021 (39.924,19 €) e 2022 (27.835,81 euros).

0
0
0
s2sdefault