Concello de Sanxenxo - SANXENXO CELEBRA A MESA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO E ACORDA SUMAR REPRESENTANTES DO ÁMBITO SANITARIO, XUDICIAL E EDUCATIVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O fallo do concurso de "Tik-Tok sen violencias" e o espectáculo da Meiga Fani centrará a programación do 25-N no municipio

Co obxectivo de incrementar a implicación e mellorar a coordinación, os integrantes da Mesa contra a Violencia de Xénero acordaron esta semana durante a celebración da súa vixésimo terceira edición en Sanxenxo sumar ao órgano local representantes do ámbito sanitario, xudicial e educativo en próximas convocatorias.

Á reunión que estivo presidida pola tenente de alcalde, María Deza, e o concelleiro de Servizos Sociais, Daniel Arosa, asistiu a xefa da unidade de violencia de xénero da Subdelegación do Goberno, Manuela Villaboy, a directora do CIM, Diana Názara; o concelleiro de Seguridade Cidadá, Jaime Leiro; o oficial da Policía Local, Manuel Parga; o comandante do posto en Sanxenxo, Vicente Veiras, e un membro do corpo do Equipo da Muller e Menor da Garda Civil.

Ampliar a representatividade dos sectores craves na prevención contra a violencia de xénero e na relación directa coa vítima foi un dos acordos unánimes da Mesa na que se analizaron os casos concretos de violencia de xénero no municipio e abordouse a coordinación entre os corpos de seguridade ante un caso de malos tratos. Nesta mesma liña, informouse tamén dos pasos dados, ata o momento, co Plan Director contra a Violencia de Xénero no municipio a través das charlas formativas nos centros educativos ou da Guía de dereitos para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero.

25-N en Sanxenxo
Sanxenxo conmemorará o 25-N cun acto que terá lugar a partir das 18 horas, no Pazo de Emilia Pardo Bazán, no que se entregarán os premios do concurso "Tik Tok, sen violencias" convocado no marco da celebración e un espectáculo "Igualdade onde estás" da Meiga Fani.
Tras a visualización dun vídeo conxunto dos finalistas do concurso de Tik Tok, ao que se presentaron 18 pezas, fallaranse os premios. Entre os participantes atópanse o IES de Vilalonga, o IES de Sanxenxo, o CEIP de Arzúa, asociacións de mulleres ou o Taller da Memoria. Posteriormente, na segunda parte, terá lugar o espectáculo de maxia, financiado polo Ministerio de Igualdade dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Todos os participantes levarán premio no acto do día 25 como agradecemento pola súa implicación e traballo, pero destacaranse as tres primeiras pezas. O primeiro premio consistirá nun Apple AirPods de 2ª Xeración, o 2º premio é unha impresora fotográfica portátil para o móbil e o 3º é un altofalante wifi intelixente 3º xeración con Alexa.

0
0
0
s2sdefault