Concello de Sanxenxo - SANXENXO DESTINARÁ 1,3 MILLÓNS DE EUROS DOS FONDOS "NEXT GENERATION" Á SEGUNDA FASE DO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio recibe a primeira confirmación da chegada de 2 millóns de euros da subvención europea
 
Sanxenxo recibiu a primeira confirmación da chegada de fondos europeos "Next Generation": a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo deron a súa aprobación ao seu Plan de Sustentabilidade Turística, un proxecto presentado polo Concello para o que recibirá unha subvención de 2 millóns de euros, repartidos en tres anualidades. Así, Sanxenxo recibirá en 2022, 780.000 euros; en 2023, 525.000 euros e en 2024, 82.000 euros.
 
A segunda fase de rehabilitación do Pazo de Quintáns suporá 1,3 millóns de euros da axuda. Unha vez concluída a primeira fase, o obxectivo do goberno é converter o edificio e a súa contorna nun novo polo turístico que permita diversificar a oferta e pór en valor o patrimonio do municipio. O proxecto consta de catro eixos de actuación: Creación do centro da cultura gastronómica Rías Baixas, mellora da contorna, dotación dixital e sistemas ecoeficientes.
 
O obxectivo é converter o Pazo no Centro da Cultura Gastronómica das Rías Baixas cun carácter multidisciplinar con forte calado cultural, pero tamén experiencial baseado nos valores do territorio na gastronomía local e a súa interrelación co territorio. A actuación prevé a dotación de contidos museográficos, así como de subministracións e mobiliario. Por tanto, converterase nun escaparate que mostre e difunda a cultura e patrimonio asociados con espazos de descubrimento, degustación e de encontro.
 
O Pazo de Quintáns verá mellorada a súa contorna mediante a recuperación ambiental dos xardíns exteriores e as hortas tradicionais. A actuación inclúe un programa de recuperación de plantas tradicionais que mellorará considerablemente a contorna natural do equipamento que non suporán un gasto de auga adicional. Tamén se desenvolverán tarefas de conservación e recuperación de especies, ademais investigaranse métodos de cultivo rexenerativos do chan. 
 
A rexeneración do chan contribuirá á captación de CO2 e á mitigación do cambio climático. A proposta inclúe a creación dun invernadoiro experiencial para a celebración de eventos cunha axenda de eventos gastroculturales que poñan en valor a riqueza ecosistémica e gastronómica do territorio. Tamén se contempla o acondicionamento dun estacionamento exterior que mellorará o control de fluxos na contorna do Pazo de Quintáns. 
 
A actuación inclúe a dotación ecoeficiente do Pazo polo que as instalacións serán equipadas seguindo os estándares de sustentabilidade e eficiencia enerxética. O espazo museográfico será dotado con sistemas de iluminación led, e sensores de movemento que minimice o consumo enerxético, así como a instalación de tecnoloxía que regule o caudal de auga nos aseos. Outro dos ámbitos de actuación será a seguridade das conexións eléctricas para evitar incendios que poidan afectar o BIC.
 
O proxecto inclúe experiencias inmersivas para potenciar os principais atractivos do territorio: A arquitectura palaciega, a súa contorna natural e a gastronomía local, esta última asociada aos recursos ecosistémicos. Será un espazo de goce cultural e gastronómico onde o visitante poderá interactuar cos produtos locais a través das ferramentas museográficas dixitais que axudarán ao visitante a coñecer os produtos principais da gastronomía local e a súa significación coa contorna. 
0
0
0
s2sdefault