Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DESTINARÁ 557.000 EUROS Á CREACIÓN DUNHA SENDA NA RÍA DE AROUSA E Á MELLORA DA TELLEIRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 
 
Ambos os proxectos inclúense na subvención aprobada dos fondos Next Generation prevista en tres anualidades
 
Restaurar a paisaxe entre A Fianteira e Os Pasales é o obxectivo dun dos proxectos incluídos polo Concello de Sanxenxo nos fondos Next Generation. A actuación consiste na creación dun plan de saneamento integral que busca mellorar a calidade ambiental, eliminar verteduras descontroladas e dar lugar a unha senda verde que permita gozar da fauna e flora. 
 
O desenvolvemento da actuación contribuirá a pór en valor este espazo e facelo accesible a veciños e visitantes. A senda discorrerá por camiños acondicionados e dotados de equipamentos para uso turístico: Miradoiros e elementos experienciais que enriquecerán a visita e xerarán sinerxías co territorio. A senda terá unha distancia aproximada de 2'5 km e comunicará A Fianteira e As Telleiras coa área recreativa Os Pasales a través dun icónico espazo natural caracterizado pola súa extraordinaria riqueza biolóxica. A partida reservada nos fondos para esta actuación ascende a 110.000 euros.
 
Dentro da contorna da Ría de Arousa inclúese o acondicionamento de acceso e mellora paisaxística da Telleira, a dotación ecoeficiente do Centro de Interpretación e a museografía do espazo cunha partida total de 457.000 euros que se dividirán en tres anualidades dos fondos Next Generation. Así, levarán a cabo medidas de restauración paisaxística e xestión do uso público da contorna natural da Telleira para a adaptación do enclave para uso turístico. Como medida específica proponse o acondicionamento dun parking disuasorio e a eliminación de residuos da Telleira que afecten negativamente á contorna natural. Unha iniciativa que aposta pola restauración ambiental e protección da riqueza natural da contorna que estimulará a creación de novos produtos turísticos complementarios ao turismo de sol e praia. De igual forma, favorecerá á desestacionalización da demanda como son as actividades vinculadas ao turismo activo e o birdwatching
 
As instalacións do Centro de Interpretación A Telleira serán equipadas seguindo os estándares de sustentabilidade e eficiencia enerxética con tecnoloxías ambientais e elementos que reduzan ao mínimo o desperdicio de auga e enerxía: sensores de movemento, iluminación led, grifería con regulación de caudal e temperatura ou sistemas de captación de augas pluviais. O espazo museográfico será dotado con sistemas de iluminación led, e sensores de movemento que minimice o consumo enerxético. Todo iso, contribuirá á integración do Centro da Telleira coa contorna natural onde se sitúa.
 
A museografía dixital do Centro de interpretación A Telleira inclúe a dixitalización de recursos turísticos vinculados ao sistema intermareal Umia - O Grove para a creación de experiencias inmersivas e envolventes: Realidade virtual, cámaras inmersivas, audiovisuais, xogos interactivos dixitais para a interpretación do ecosistema intermareal e a súa conservación... O uso das tecnoloxías dixitais reforzará o atractivo de Sanxenxo, así como dos seus recursos naturais mediante a aplicación de metodoloxías interpretativas baseadas na didáctica do patrimonio natural. A incorporación dunha capa dixital enriquecerá a oferta turística mediante a creación de produtos turísticos singulares, competitivos que contribúen á desestacionalización do turismo e á sustentabilidade. 
 
0
0
0
s2sdefault