Concello de Sanxenxo - SANXENXO PRESENTARÁ A RUTA DOS CARBALLOS DE ALDARIZ Á CANDIDATURA DE SENDEIROS AZUIS 2022
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A senda discorre ao longo de 6.300 metros pola parte máis alta de Bordóns partindo desde a parroquia de Padriñán

O Concello de Sanxenxo presentará a Ruta dos Carballos de Aldariz á candidatura de Sendeiros Azuis 2022. O municipio que xa ostenta o liderado no número sendeiros con esta certificación de España conta, na actualidade, con algo máis de 24 quilómetros con este distintivo. O obxectivo agora é sumar a súa primeira ruta polo interior, unha nova posibilidade que presenta a campaña da Adeac que ata agora só admitía sendeiros que transcorresen por praias ou portos con Bandeira Azul. O concelleiro de Medio Ambiente, Juan Deza, confía en obter este distintivo de calidade ambiental. "Agardamos que a Ruta dos Carballos de Aldariz poida sumarse as outras seis porque axudaría a promocionar a riqueza paisaxística e patrimonial do interior do municipio como sendeiro azul", asegura.

A Ruta dos Carballos de Aldariz discorre pola zona máis alta de Bordóns, partindo da parroquia de Padriñán, concretamente do lugar de Aldariz. Trátase dunha ruta circular de 6.300 metros e a duración media para percorrelo é de hora e media cunha dificultade media, xa que a altitude mínima é de 72 metros e a máxima de 234 metros. Os puntos de interese que atravesa este sendeiro son a aldea de Aldariz, o Con da Ventureira, Chan da gorita, Carballeira de Leirana e o núcleo de Bordóns cos muíños de auga e a igrexa parroquial. Este sendeiro conta con paneis informativos que dividen en dúas partes a ruta para dar a oportunidade de facela en dous tramos.

Sanxenxo inaugurou con 4 rutas a súa listaxe de Sendeiros Azuis en 2017: O de Sanxenxo-Portonovo, que transcorre entre os dous núcleos e ten unha lonxitude de 8,61 km; o de Canelas-Punta Cabicastro, que vai desde o extremo máis oriental da praia ata os cantiis e mide 3,35 km; o de Montalvo-Major, que une ambos os areais pola costa e ten unha lonxitude total de 6,45 km, e o sendeiro máxico da Lanzada, que vai desde a praia de Foxos ata A Lapa e unha lonxitude de 3,03 km. En 2018 sumáronse dous novos, o Sendeiro Litoral Areas-Punta Festiñanzo, entre Areas e o punto máis ao sur, Punta Festiñanzo, con 1,5 km de percorrido, e o de Paxariñas e Montalvo, que transcorre entre as dúas praias e ten unha lonxitude de 3,35 km.

0
0
0
s2sdefault