Concello de Sanxenxo - NAUTA É XA UN DOS PRINCIPAIS MOTORES ECONÓMICOS DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actividade portuaria, comercial e o parking xeraron uns ingresos de máis de 2 millóns de euros durante o pasado ano

Nauta é xa, sen dúbida, un dos principais motores económicos de Sanxenxo. Un total de 453 embarcacións con ata 19 bandeiras diferentes atracaron no porto deportivo Juan Carlos I durante 2021. A esta actividade de tránsito hai que sumar os 370 barcos que teñen Sanxenxo como porto base e que manteñen o seu amarre durante todo o ano. E é, precisamente, a actividade portuaria a que maiores ingresos xera a Nauta, a sociedade municipal que xestiona o porto e as actividades da contorna como o aluguer de locais de lecer ou comerciais e o parking público, incluídos dentro do espazo concesional de Portos ao Concello de Sanxenxo.

A actividade portuaria xerada ao redor da lámina de auga supuxo o pasado ano uns ingresos de 1.365.984 euros, case o 68% do total que ascendeu a 2.023.051 euros. O parking de Nauta ingresou 417.606 euros co tráfico e o aluguer dos estacionamentos no mesmo período. O resto proceden dos alugueres de locais comerciais e de lecer que se atopan dentro da concesión. Ingresos que permitirán executar proxectos como o de Batea en Terra, financiados pola propia sociedade municipal, ou acometer a fase provisional de rexeneración da Carabuxeira, realizada durante o pasado ano.

A concesión portuaria e a actividade xerada en torno ao porto supón ademais preto de 140 empregos directos nas épocas de maior actividade entre mariñeiría, actividade hostaleira e comercial, servizos náuticos e parking, unha cifra que podería superar os 600 postos se se suman os empregos indirectos. Só a empresa municipal ten de forma habitual en persoal 17 traballadores que alcanzan os 25 os meses de verán. A estes empregos hai que sumar os patróns de barcos que operan coas embarcacións con porto base en Sanxenxo e os traballadores das distintas empresas instaladas no porto como comercios, locais de lecer e empresas destinadas ao mantemento de embarcacións.

En canto ao tráfico de tránsito, o pasado ano caracterizouse polo alto nivel de internacionalización das embarcacións onde cabe destacar as de bandeira alemá (14), neerlandesa (32), portuguesa (21) e francesa (35). Destacan tamén por distancia 1 embarcación procedente das Seychelles e unha de Polonia que visitaron Sanxenxo o ano pasado. En canto ao tamaño, desde o departamento de Mariñeiría de Nauta subliñan o incremento de eslora nas embarcacións que buscan amarre en Sanxenxo. Durante o 2021, 7 embarcacións tiñan máis de 18 metros de eslora; 27, ata 18; 132, ata 15 metros, 132; 177, ata 12 metros; 74, ata 10 metros e 36, ata 8 metros.

0
0
0
s2sdefault