Concello de Sanxenxo - SANXENXO VOLVERÁ SER ESCENARIO DO "CAMPIONATO MUNDIAL DE COLCHONETAS"
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas


Esta peculiar competición chegará o domingo 10 de xullo á súa duodécima edición

Todo está en marcha para que o domingo 10 de xullo teña lugar, desde a praia da Panadeira, unha das probas "deportivas" máis esperadas do ano na vila pontevedresa; o XII Mundial de Colchonetas de Sanxenxo.
Despois de non poder realizala estes dous últimos anos por temas sanitarios coñecidos por todos, vólvese a celebrar o campionato mundial de colchonetas, organizado pola Asociación Lúdica e Cultural "O Cubreiro". Desde a asociación indícannos que por fin poden dicir SI á pregunta que lle levan facendo dous anos; Hai este ano mundial de colchonetas?


Nesta peculiar competición os participantes non só deben demostrar a súa destreza deportiva, senón tamén o seu sentido do humor para escoller un disfrace e unha colchoneta que os distinga dos seus adversarios.
Como nas edicións anteriores, haberá tres carreiras xa que os participantes dividiranse en tres categorías. A partir das doce e media (12:30) tomarán a saída os nenos e nenas menores de 10 anos, ao finalizar entregaranse os premios na praia. Despois da súa finalización, sobre as 13:00 horas terá lugar a proba para os mozos/as de 10 a 14 anos, os premios daranse unha vez finalizada a carreira tamén no citado areal. A carreira de adultos está prevista para a unha e media (13:30).


Haberá premios para o tres primeiros clasificados en cada unha das categorías, así como para os tres mellores disfraces e as colchonetas máis orixinais. Ademais haberá premio á cada vez máis concorrida categoría de mellor disfrace en grupo, tamén constará dun primeiro, segundo e terceiro premio. Este ano ademais inclúen o premio ao mellor disfrace en parella.


A organización espera conseguir mesmo máis éxito de participación que nos anos anteriores, xa que hai un elevado interese mostrado tanto nas redes sociais, nos medios de comunicación escritos e televisivos e sobre todo na numerosa xente que para pola rúa aos membros da asociación para preguntarlles se por fin hai mundial de colchonetas. Incluso alguén lles comentou que se facía falta facer unha manifestación, facíana, pero que non podían estar sen mundial de colchóns outro ano máis.


Na pasada edición, foron preto de 300 as persoas que se animaron a participar nesta peculiar proba lúdico-deportiva e o público abarrota desde os inicios da praia da Panadeira ata todo o paseo de madeira da rúa dos Barcos. Pódese dicir que o público ocupa toda unha praia e unha rúa enteira.
Se desexan máis información (fotos, novidades...) poden atopala na páxina de Facebook pondo "Mundial de colchonetas de Sanxenxo"

 Asociación Lúdica e Cultural "O Cubreiro

0
0
0
s2sdefault