Concello de Sanxenxo - PORTONOVO GASTRONÓMICO VOLVE OS DÍAS 26,27 E 28 DE ABRIL CON VARIADAS PROPOSTAS CULINARIAS E MÚSICA NA RÚA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 19 de marzo de 2024.- Tras o éxito da primeira edición, o Concello de Sanxenxo volve organizar en colaboración con sector hostaleiro a II edición de Portonovo Gastronómico. A cita que combina a mellor gastronomía con animación e música na rúa terá lugar os días 26, 27 e 28 de abril. A concelleira de Cultura e Eventos, Elena Torres, reuniuse onte no Pazo de Emilia Pardo Bazán con membros do sector para falar das cuestións organizativas e das datas co obxectivo de que se repitan e mesmo melloren os resultados do ano pasado.

A avenida de Rafael Picó e a Rúa dos Viños, onde se concentra a maior oferta hostaleira, converteranse no epicentro da festa con música e animación desde o venres. Durante o sábado e o domingo, pecharase ao tráfico rodado Rafael Picó coa intención de que a cita se viva na rúa. Os locais, do mesmo xeito que o ano pasado, poderán sacar as barras con bebida e comida para que os asistentes poidan gozar das tapas e, ao mesmo tempo da programación cultural.

Os concertos nocturnos centraranse na Curva, San Roque e a Praza de Méndez Núñez, pero ao longo do tres xornadas haberá distinto tipo de animación polas rúas creando un ambiente festivo. Os locais comprométense a elaborar dúas tapas conmemorativas da cita, unha delas con raia. Sortearanse distintos premios entre os clientes que consuman nos establecementos participantes. A raia terá o seu espazo e recoñecemento na programación tanto no apartado gastronómico como na entrega da Raia de Ouro que terá lugar o domingo, 28 de abril, ás 13 horas.

Cartel
O cartel desta edición, elaborado pola directora do Centro de Arte de Sanxenxo, María Vázquez, xoga con dous elementos o prato e a figura da Peixeira, emblema de Portonovo, co cesto cheo de produtos frescos do mar. O fondo azul do prato evoca o mar de onde se extrae o peixe e o marisco que se serve no Portonovo Gastronómico.

0
0
0
s2sdefault