Concello de Sanxenxo - A AMPLIACIÓN DO PUNTO LIMPO AVANZA COA CONSTRUCIÓN DA NOVA NAVE DE ALMACENAMENTO DE RESIDUOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Medio Ambiente, Yago Torres, visitaron a actuación

Sanxenxo, 19 de marzo de 2024.- A ampliación do Punto Limpo avanza coa construción da nova nave de almacenamento de residuos que terá unha superficie de 144,00 m², cuberta a unha auga, estrutura metálica, con material de cubrición e dous laterais de chapa nervada sinxela. Ademais, realizarase a compra de novos colectores e un computador para o control do funcionamento do punto limpo. O investimento que roldará os 160.000 euros financiarase con fondos propios e unha subvención europea do Plan de Recuperación Next Generation.

O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Obras, Servizos e Medio Ambiente, Yago Torres, visitaron as obras que se están executando e que suporá unha importante mellora no almacenamento de residuos cuxa exposición ao sol e á auga teñen efectos prexudiciais para a súa reciclaxe e valorización

Así mesmo, procederase á compra de colectores para as distintas fraccións de residuos que permitirán unha recollida separada das fraccións de téxtiles e residuos domésticos perigosos.

A actuación conta con materiais e equipos que contan coa categoría de verde ou ecolóxica acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sustentables. A cuberta proxectada é lixeira e facilmente desmontable sendo os seus materiais desde a cimentación, estrutura e material de cuberta reciclables.

A parcela dispón na actualidade dunha superficie aproximada, de 14913,77 m², dispón no seu interior dunha zona con colectores para depósito de residuos, unha caseta de control e zonas para almacenamento ao aire libre de colectores. Todos os veciños con domicilio no municipio de Sanxenxo, que faciliten os seus datos na recepción, poderán utilizar o punto limpo de maneira gratuíta. O horario é de martes a venres de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas. Os sábados de 10:00 a 13:30 horas.

0
0
0
s2sdefault