Concello de Sanxenxo - SANXENXO E O GROVE PRESENTAN AO SECTOR A SÚA NOVA WEB INCLUÍDA NO PROXECTO POLOS TURÍSTICOS INTELIXENTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Mais de 200 representantes do sector turístico déronse cita esta mañá no almorzo celebrado no Real Club Náutico de Sanxenxo

Sanxenxo, 20 de marzo de 2024.- Máis de 200 representantes do sector turístico asistiron esta mañá ao almorzo, servido polo Obradoiro de Hostalaría do Salnés, no Real Club Náutico de Sanxenxo para presentar as novas webs turísticas do Grove e Sanxenxo. O novo portal está incluído dentro do proxecto "Sanxenxo e O Grove: Polos turísticos intelixentes" que desenvolven ambos os concellos dentro da convocatoria de "Destinos Turísticos Intelixentes" de Red.es a través da Mancomunidade do Salnés.

Os alcaldes de Sanxenxo e O Grove, Telmo Martín e José Cacabelos, quixeron con esta presentación, á que tamén asistiu Jesús Herrero, director xeral de Red.es, entidade adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, facer partícipe deste novo portal ao sector turístico, dándolles a coñecer o contido e as posibilidades informativas, coincidindo co seu lanzamento. Unha nova ferramenta que servirá para expor as potencialidades turísticas de ambos os concellos de forma dinámica, intuitiva e fácil na que os propios establecementos poderán actualizar a súa información de forma inmediata.
Martín destacou que "dispomos dunha nova ferramenta de traballo que nos permitirá mellorar na información ao noso visitante e daranos unha maior visibilidade como destino, pero para que a web funcione é fundamental vosa implicación para que estea en todo momento actualizada e promocionédela entre os vosos clientes". Na mesma liña, incidiu na "importancia da colaboración institucional entre administracións, independentemente da cor política, para sacar adiante proxectos tan relevantes como este antepondo, como non pode ser doutro xeito, o interese xeral".

Pola súa banda, Cacabelos asegurou que "trátase de facilitar o traballo ás empresas turísticas a través de ferramentas eficaces que permitan a Sanxenxo e O Grove seguir sendo un dos motores turísticos do noroeste peninsular. Confiamos en que este proxecto sexa de utilidade e, xa lles adianto, que este non será o único proxecto no que ambos os concellos colaboraremos". Finalmente, concluíu "de todos depende que estas plataformas interactivas funcionen".

A empresa europea de telecomunicacións Vodafone, adxudicataria do proxecto, encargouse da exposición da nova web destacando vantaxes como que pode integrarse con ferramentas de mensaxería e de email mercadotecnia, posibilitando o envío de correos electrónicos a grupos de usuarios; utiliza motores de búsqueda, facilitando a integración con outros motores de búsqueda de forma eficiente e sinxela; e dispón de ferramentas que permiten a xestión dunha axenda de eventos, como actos nun municipio, ofertas dun servizo e/ou produto ou actividades temporais ligadas a un punto de interese turístico.

Durante a presentación da web tamén se avanzaron próximas actuacións que se porán en marcha nos próximos meses, incluídas tamén neste proxecto conxunto co Grove como o smart parking, para desconxestionar as zonas de alta densidade e fomentar medios de transporte sustentable; un proxecto de smart beach, para monitorizar as ocupacións e accesos aos areais, a implementación de conexións wifi, e aplicacións móbiles para informar ao turista da meteoroloxía na zona ou dos servizos dispoñibles, entre outros.

O director xeral de Red.es pechou o acto asegurando que "para Red.es é un pracer ver en primeira persoa como as convocatorias se converten en proxectos reais, que teñen repercusión positiva nas persoas e nas súas vidas. É moi satisfactorio ver como a dixitalización está a chegar e transformando todos os ámbitos da sociedade, o día a día da cidadanía, de concellos como este e do seu tecido produtivo, que é o máis importante. Este proxecto, que impulsa a aplicación das tecnoloxías no turismo, axudará a que esta zona tan marabillosa do sur de Galicia se converta nun destino turístico intelixente e moito máis competitivo.

0
0
0
s2sdefault