Concello de Sanxenxo - UNHA ALUMNA DE 6º DO CEIP PORTONOVO, RAQUEL COMESAÑA, É A GAÑADORA DO CONCURSO DA MASCOTA DA AUGA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 20 de marzo de 2024.- Sanxenxo xa ten imaxe para sensibilizar e concienciar sobre o consumo responsable da auga. A proposta da alumna de 6º de Primaria do CEIP Portonovo, Raquel Comesaña, foi a escollida entre máis de 600 debuxos presentados ao concurso "A mascota da auga". Na iniciativa, impulsada polo Concello de Sanxenxo e Espina & Delfín, participaron os colexios da Florida, Magaláns, O Cruceiro, Portonovo, Nantes e O Telleiro.

A proposta gañadora é unha pinga de auga con rostro e corpo que ten na man unha caracola e unha táboa de surf emulando a icónica escultura da Madama de Silgar. O premio consiste nun vale por valor de 100 euros para consumir no comercio local de Sanxenxo adherido ao CCU Entretendas. O centro educativo no que estuda, o CEIP Portonovo, tamén ten premio, unha charla-taller participativa sobre o ciclo integral da auga.

O fallo do xurado deuse a coñecer esta mañá no CEIP de Portonovo nun acto no que participaron a concelleira de Educación, Nati Parada, acompañada de Yago Torres, concelleira de Medio Ambiente; Rosa Branca Rodríguez, conselleira delegada de Espina & Delfín; Juan Somoza, director de servizos de Espina & Delfín, e Jacobo Moreno, xefe do servizo municipal de auga de Sanxenxo.

O colexio con maior porcentaxe de participación en función da súa matrícula foi o CEIP Nantes (86,36 %) e recibe un vale de 150 euros para trocar por material escolar. Nos demais centros, a participación foi a seguinte, CEIP Magaláns (81,25 %), CEIP Cruceiro (70,59 %), CEIP A Florida (54,31 %), CEIP Portonovo (47,18) e CEIP Telleiro (45,16).
A concelleira de Educación, Nati Parada, que foi a encargada de presentar o acto quixo "dar as grazas a todos e todas vós, aos vosos mestres e por, suposto a Espina & Delfín por colaborar con esta idea. Agardo que sexa a primeira das tantas que imos a facer".

Rosa Branca Rodríguez, conselleira delegada de Espina & Delfín, explicou que coa firma do contrato do ciclo da auga co Concello de Sanxenxo adquiriuse o compromiso de concienciar e sensibilizar sobre o coidado do medio ambiente e o consumo responsable da auga. "Quero resaltar que foi moi fácil traballar co Concello, da gusto traballar con xente tan implicada e proactiva. Hoxe cumprimos co primeiro obxectivo expondo que era atopar unha mascota que fose a voz e imaxe desas mensaxes que se queren transmitir. A idea de como atopar esa mascota partiu 100 % do Concello. O concurso foi un rotundo éxito polo número de participantes e pola calidade dos traballos. Tedes en Sanxenxo unha mina de artistas".

 

0
0
0
s2sdefault