Concello de Sanxenxo - O GROVE E SANXENXO ORGANIZAN A I MEDIA MARATÓN ENTRE RÍAS CON MÁIS DE 3.000 EUROS EN PREMIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A proba que se celebrará o próximo 19 de maio espera a chegada de deportistas de toda España e do norte de Portugal


Sanxenxo, 21 de marzo de 2024.- O Grove e Sanxenxo estrearán o próximo 19 de maio proba deportiva, a I Media Maratón Entre Rías, que percorrerá o litoral de ambos os concellos mostrando o seu potencial paisaxístico ao longo dos 21 quilómetros de carreira. Entre Rías nace co obxectivo de consolidarse no calendario deportivo e como un novo atractivo turístico fóra da tempada alta. O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o do Grove, José Cacabelos, únense nun novo proxecto sobre o que coinciden "debe ser un motivo máis para visitar os nosos concellos e para gozar da beleza dos nosos territorios".
Na cita que se organiza en colaboración con Nokao, especialistas en organización de eventos deportivos, repartiranse máis de 3.000 euros entre os gañadores das distintas categorías. A proba sairá do porto do Grove ás 10:30 horas, para percorrer a Illa da Toxa, a praia da Lanzada e terminar no porto deportivo de Sanxenxo. A carreira poderase facer de forma individual ou por substitucións en parella. Ademais, o mesmo día haberá unha proba alternativa de 10K con saída desde a Ermida da Lanzada, ás 11:30 horas, e chegada ao porto deportivo de Sanxenxo.


Nesta primeira edición do Entre Rías haberá traslado gratuíto de autobús para os traslados dos participantes para o seu regreso ao Grove ou a Sanxenxo unha vez conclúa a proba. Tamén haberá servizo de gardarroupa. Pensando nos máis pequenos tamén se celebrará un Entre Rías especial. Será o sábado 18 de maio cando o paseo marítimo do Grove acolla, a partir das 17 horas, probas para nenos e nenas de ata 13 anos. A participación será totalmente gratuíta.


As inscricións abriranse o próximo 1 de abril ás 20 horas na web oficial do evento www.entreriasmediamaraton.com e espérase a chegada de deportistas de toda España e do norte de Portugal. Os prezos por inscrición para o media maratón serán de 15 euros ata o 7 de abril; de 18 euros desde o 8 de abril ao 12 de maio e de 21 euros do 13 ao 15 de maio. Para a 10K, ata o 7 de abril, será de 12 euros; do 8 ao 12 de maio de 14 euros e do 13 ao 15 de maio, de 21 euros. En canto ás substitucións, os prezos de inscrición por parella serán ata o 7 de abril, 24 euros; do 8 de abril ao 12 de maio, 30 euros, e do 13 ao 15 de maio, 36 euros.

0
0
0
s2sdefault