Concello de Sanxenxo - O PASEO DE PORTONOVO E A PRAZA DE FONTE DE RAMOS ACOLLERÁN DÚAS FEIRAS DIFERENTES ESTE VERÁN
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello busca enriquecer a oferta lúdica e dinamizar a actividade turística nas dúas vilas

Sanxenxo, 21 de marzo de 2024.- A programación estival de Sanxenxo contará este verán con dúas novas feiras no Paseo de Portonovo e a Praza de Fonte de Ramos. O Concello busca con estas dúas propostas enriquecer a oferta lúdica e dinamizar a actividade turística nas dúas vilas sen que, en ningún caso, supoña un prexuízo ao comercio local.

A empresa municipal de Vivenda e Solo Ínsula Sanxenxo acaba de sacar a concurso o Mercado ou Feira de Verán de Portonovo, un evento de interese turístico de calidade que recree a temática mariñeira aproveitando a idiosincrasia e tradición da vila. Está prevista a instalación de entre 70 e 80 casetas cunha superficie de ocupación de 720 m² aproximadamente desde finais de xuño ata o 1 de setembro.

A proposta de venda será variada e de carácter internacional, desde complementos ata artigos téxtiles, pero sempre respondendo a un estándar de calidade. En todo caso quedan excluídos do ámbito deste mercado os postos de carácter alimentario, sen que poidan ocuparse casetas destinadas á venda ou comercialización de calquera produto alimenticio ou bebidas.

O adxudicatario deberá abonar a Ínsula Sanxenxo pola autorización para a organización e xestión do mercado de Portonovo. un canon mínimo de noventa e oito mil euros (98.000 €) máis IVE, sen prexuízo das melloras que poidan ofertarse, así como o pertinente canon a Costas.

En Sanxenxo a feira centrarase na venda de produtos artesanais, entendendo como tales os bens e produtos de autor singulares pola súa orixe, nos que a intervención persoal sexa determinante no proceso de elaboración e acabado cuxo resultado sexa un produto final de factura individualizada. A duración proposta abarca desde o 15 de xullo e ata o 9 de setembro. A praza deberá dotarse dun sistema de sombra.

0
0
0
s2sdefault