Concello de Sanxenxo - O CONCELLO RECIBE UNHA OFERTA PARA EXECUTAR A SEGUNDA FASE DO PAZO DE QUINTÁNS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación está valorada en 770.000 euros e o prazo de execución é de 12 meses

Sanxenxo, 16 de abril de 2024.- O prazo de presentación de ofertas para a execución da segunda fase do Pazo de Quintáns pechouse coa oferta da empresa Construcións Castro Figueiro. O proxecto asinado polo arquitecto vilagarcián Carlos Berride está valorado en 770.000 euros e conta cun prazo de execución de 12 meses.

O proxecto contempla un espazo multifuncional de eventos que permita albergar pequenos eventos educativos, sociais ou culturais, cunha capacidade de aproximadamente 128 persoas sentadas e 222 de pé. O seu deseño permite ter unha conexión visual permanente entre a edificación polivalente proxectada e o conxunto do Pazo de Quintáns, así como o edificio nobre. Ao tratarse dunha edificación complementaria ao edificio nobre e ao propio conxunto do Pazo, sitúase practicamente encostada ao muro perimetral de peche do patio de labranza. Mantense unha relación e un criterio coa rehabilitación do pazo xa que, os materiais empregados e os sistemas construtivos seguen o mesmo criterio (pedra, madeira e vidro principalmente), dispondo a totalidade das fachadas da edificación dun cerramento formado por sillería de granito.

Ademais, proponse a creación dun aparcadoiro na leira Oeste anexa (non pertencente ao conxunto do BIC), que disporá de 27 prazas, estando dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. De forma conxunta co aparcadoiro, pavimentarase con lastro o acceso. Para completar esta mellora das condicións de acceso iluminarase, delimitaranse as prazas de aparcadoiro e procederase á motorización do portalón anexo ao hórreo para
o peche do conxunto do Pazo. Nas zonas non aproveitables debido á xeometría do espazo destinado a aparcadoiro proponse a creación dunha xardineira con vexetación arbustiva de baixo porte.

A cuberta do hórreo substituíuse na recente rehabilitación do edificio nobre e agora preténdese o saneamento, limpeza e reparación dos diferentes elementos pétreos, así como a substitución de elementos laterais de fábrica enfoscada por lamas de madeira cun acabado pintado no mesmo verde que a carpintaría instalada na recente rehabilitación do edificio nobre.

O proxecto tamén expón unha limpeza e saneamento da totalidade dos muros perimetrales e interiores que delimitan e que compoñen o conxunto do Pazo. De igual maneira, preténdese a recuperación dos ocos, tanto de portas de paso como de xanelas, e a instalación nos mesmos de carpintaría e cerrajería realizada en aceiro cortén, de similares características ás existentes nos muros exteriores na recente rehabilitación do edificio nobre do Pazo. Prevese a limpeza e saneamento dos dous parladoiros que se sitúan no conxunto. Ademais, potenciaranse cunha iluminación que o realce. Un deles está situado no muro de peche sueste do espazo do xardín Barroco e o outro no muro nordés do patio de labranza.

En canto ao xardín exterior, realizaranse itinerarios peonís mediante a instalación de laxas de granito tipo silvestre sobre cama de area coa debida iluminación tanto a nivel do chan como mediante balizas homoxéneas integradas no conxunto, que garantan a utilización dos devanditos itinerarios de maneira segura.

0
0
0
s2sdefault