Concello de Sanxenxo - MEDIO AMBIENTE TRIPLICA A CONTÍA DESTINADA AO SERVIZO DE CONTROL DAS COLONIAS FELINAS NO MUNICIPIO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O servizo saíu a concurso por 14.500 euros e inclúe a colocación do microchip dos felinos da rúa

Sanxenxo, 17 de abril de 2024- A Concellaría de Medio Ambiente acaba de sacar a concurso o servizo de control das colonias felinas no municipio. O orzamento do contrato triplica a cantidade destinada ata o momento, 14.500 euros, polo período dun ano e con posibilidade de tres prórrogas. O obxectivo deste servizo é levar a cabo unha adecuada xestión sanitaria das colonias de gatos urbanos de Sanxenxo e a atención veterinaria urxente de felinos da rúa cumprindo a lei de benestar animal, 7/2023 do 28 de marzo e a 4/2017 de protección e benestar animal.

O adxudicatario do contrato deberá recoller os animais entregados por persoal autorizado (membros dos servizos de emerxencias e Policía Local de Sanxenxo, e outras persoas coidadoras ou afectadas de/por colonias sempre que conten con autorización da Concellaría de Medio Ambiente).

O persoal autorizado para a recollida de gatos deberá utilizar unha gaiola trampa ou transportín para a recollida de animais, de non dispor dun, será cedido pola clínica veterinaria adxudicataria do contrato, e poderán recollelo nun punto fixado dentro do municipio, habilitado para tal fin. Nunca se atenderán animais propiedade de particulares. A clínica veterinaria do adxudicatario non poderá estar a máis de 30 quilómetros do municipio para evitar a tensión dos animais durante o transporte.

Colonias felinas

Se os gatos son membros de colonias felinas cuxo obxecto é a esterilización
aplicaráselle o seguinte protocolo:

1.- Recepción e avaliación.

  • Control documental e identificación no momento da recepción.
  • Os gatos serán sedados para a exploración física, se fose necesario.
  • Realizarase unha exploración física xeral para de descartar patoloxías que non aconsellen a esterilización.
  • O veterinario determinará o tratamento que de modo xenérico será: desparasitación interna e externa, chip, marcaxe orella, vacinación, esterilización (en caso de non estar esterilizados), realización de ficha e retorno a colonia.

2.- Tratamento ao que vai ser sometido o animal:

  • Desparasitación interna e externa.
  • Vacinación polivalente e rabia.
  • Marcado de orella (das femias realizando un corte transversal dun centímetro na punta da orella esquerda e marcaxe dos machos na orella dereita).
  • Implantación de microchip e tramitación do mesmo.
  • Esterilización mediante ovario histerectomía en femias (extracción cirúrxica dos ovarios e útero desde a cavidade abdominal) e orquitectomía. En machos (extracción cirúrxica de testículos, epidímimo e cordón espermático).
  • Previamente á cirurxía o animal será sedado

3.- Recuperación.

  • Unha vez tratado o animal permanecerá na clínica o tempo necesario para a súa recuperación, e ata que coma e beba de modo autónomo.

4.- Toma de datos.

  • Levarase un rexistro de todos os animais

5.- Entrega á persoa que o levou para a súa solta no mesmo lugar

0
0
0
s2sdefault