Concello de Sanxenxo - OS ALUMNOS DA FP DUAL DE COCIÑA E RESTAURACIÓN MOSTRAN NO COLEXIO DA FLORIDA OS SEUS DOTES CULINARIOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O alumnado de Infantil realizou pizzas e decorou galletas baixo as directrices dos futuros chefs

Sanxenxo, 17 de abril de 2024.- A concelleira de Educación, Nati Parada, acudiu esta mañá á actividade realizada polos alumnos da FP Dual de Cociña e Restauración no colexio da Florida. Un obradoiro de cociña dirixido aos máis pequenos do centro. "Son actividades que resultan sempre moi gratificantes e nas que os nenos aprenden que os alimentos teñen unha elaboración previa antes de chegar á mesa", explica Rubén Otero, profesor do FP Dual de Cociña e Hostalaría.

En total foron 60 alumnos de Infantil, repartidos en dous grupos, os encargados de elaborar unhas minipizzas de xamón, mozzarela, champiñóns e olivas baixo as directrices dos estudantes de cociña. Tampouco faltou a sobremesa, unhas galletas de manteiga que decoraron con distintos debuxos e cores.

A próxima semana a actividade repetirase no colexio do Cruceiro en Vilalonga e o obxectivo é estender o Obradoiro ao resto de centros do municipio que o demanden. "Consideramos que é unha forma divertida e amena de traballar e de levar actividades distintas aos centros", asegura Nati Parada.

0
0
0
s2sdefault