Concello de Sanxenxo - SANXENXO ESTREA UN VÍDEO DE PROMOCIÓN TURÍSTICA DESTINADO AOS MEDIOS DIXITAIS E AS REDES SOCIAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Hai tres versións: o vídeo matriz cunha duración de dous minutos e outras dúas edicións, de 35 e 20 segundos, para anuncios publicitarios.

Sanxenxo, 5 de decembro de 2024.- Sanxenxo amplía o seu material promocional cun novo vídeo no que se resaltan os principais atractivos turísticos do municipio. A peza audiovisual foi elaborada coa liña dous dunha subvención de Turismo de Galicia para mostrar os recursos con potencial turístico no litoral, conseguida a través da Concellería de Turismo e Praias, dirixida por Juan Deza, e dotada con 15.000 euros.

O vídeo amosa Sanxenxo como un destino para calquera estación do ano, en liña coa estratexia que o goberno e, particularmente, a Concellería de Turismo desenvolven desde 2017 e que se resume no lema “Sanxenxo 365 días”. A produtora pontevedresa “Visual VR Producciones” encargouse de elaborar o guión, rodar as imaxes, facer o montaxe e a edición. Elaboráronse tres versións: o vídeo matriz cunha duración de algo máis de dous minutos e outras dúas versións, de 35 e 20 segundos, pensadas para campañas publicitarias en canles dixitais e televisións autonómicas e locais.

O vídeo prescinde de contar unha historia tradicional con inicio, desenvolvemento e conclusión, como se fixo noutras ocasións. A concellería optou por unha linguaxe visual moderna, estilo videoclip, sen locución, só imaxes e música electrónica.

Sanxenxo vive, por riba de calquera outra cousa, das dúas rías que o bañan. Por iso, o vídeo comeza “chegando a Sanxenxo desde o mar”, pero non renuncia a amosar paisaxes de interior e núcleos rurais menos coñecidos, praias para pasear calquera día do ano, a costa, o seu patrimonio ou o avistamento de aves. Estas son algunhas das actividades que xa desfrutan máis de 200.000 viaxeiros que nos visitan fóra do verán, unha cifra que medra ano tras ano.

VER VÍDEO

logos industria

0
0
0
s2sdefault