Concello de Sanxenxo - O CONCELLO PRESENTA ÁS ANPAS E CENTROS EDUCATIVOS O RESULTADO DO ESTUDO SOBRE IGUALDADE E VIOLENCIA DE XÉNERO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 9 de decembro de 2024.- A concelleira de Educación, Nati Parada, convocou esta mañá no Pazo Emilia Pardo Bazán aos centros educativos e Anpas do municipio para dar a coñecer os resultados das enquisas sobre igualdade e violencia de xénero realizadas ao alumnado de 3º da ESO do IES Sanxenxo, IES Vilalonga e Colexio Abrente. Aínda que os resultados revelan un “progreso significativo” na concienciación da mocidade sobre igualdade de xénero, aínda quedan áreas nas que é preciso traballar.

O informe destaca o ámbito familiar como unha das áreas básicas de educación onde se repiten patróns. As enquisas mostran que, en relación aos roles no fogar, a figura paterna dedica o 35,7% do seu tempo ao lecer e o 19,4% ás tarefas do fogar, cifras que se invirten no caso da figura materna, que dedica o 34,9% ás tarefas domésticas e só un 12,4% ao lecer.

Respecto á conciencia sobre a violencia de xénero na adolescencia, o 58,1% admite coñecela e o 41,9% non. Ademais, o 58,9% descoñece que son os puntos violetas e o 79,8% non sabe o número de atención contra a violencia de xénero (016).

Os xogos e os deportes tamén son temas tratados. O 39,5% do alumnado mantén a diferenza de xénero nos xogos, e no caso dos deportes, o 65,1% considera que hai deportes específicos para homes ou mulleres.

Sobre o control e as relacións de parella, o 14% considera válido mandar a ubicación ou a vestimenta como “proba de amor”, e o 4,7% xustifica revisar o móbil da súa parella. Os celos son considerados unha proba de amor polo 28,7% do alumnado.

Outro dato preocupante é que 15 participantes afirman ter sufrido ou sufrir algún caso de violencia, 9 mulleres e 6 homes, e o 11,6% aproba a imposición para manter relacións sexuais.

En conclusión, o estudo reflicte un bo nivel de rexeitamento aos estereotipos tradicionais e condutas de control, así como unha maior sensibilización sobre os celos e a violencia nas relacións. A concelleira asegura que estes datos serán compartidos coas familias e servirán como guía nas programacións municipais para a prevención da violencia de xénero e o fomento da igualdade. “Imos seguir traballando na formación coas familias e coa infancia dende idades temperás. É clave a implicación de todos os contextos nos que se desenvolven como persoas, dende a casa ata a escola, pasando polas amizades”, sinalou.

0
0
0
s2sdefault