Concello de Sanxenxo - O PORTO DEPORTIVO JUAN CARLOS I PECHA 2024 CO TRÁNSITO DE 481 BARCOS DE ATA 24 BANDEIRAS DIFERENTES
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 A cifra supón un lixeiro incremento de máis do 2,5% respecto a 2023.

 

Sanxenxo, 7 de xaneiro de 2025.- Un total de 481 embarcacións de ata 24 países diferentes recalaron no Porto Deportivo Juan Carlos I durante o ano pasado. A cifra reflicte un incremento superior ao 2,5% en comparación con 2023, o que demostra o crecente interese de Sanxenxo como base portuaria estratéxica na Ría de Pontevedra. Os barcos con bandeira española (286) lideran a lista, seguidos de Portugal (42), Francia (39), Irlanda (30), Alemaña (16) e Bélxica (11), entre outros. Tamén chegaron ao municipio embarcacións procedentes de lugares tan diversos como Illas Caimán, Australia, Panamá, Illas Marshall, Canadá, Suecia, Noruega, Países Baixos, Lituania, Italia, Reino Unido, Finlandia, Estonia ou Suíza.

 

No que respecta ao tipo de barcos, os de vela seguen á cabeza con 313 unidades, seguidos dos de motor, con 156. Ademais, continúa percibíndose un aumento no tamaño das embarcacións que recalan no porto Juan Carlos I. Un total de 157 contaban con ata 12 metros de eslora e 141, ata 15 metros. A venda de combustible tamén rexistrou un repunte en 2024: a gasolineira do porto despachou 141.939 litros de gasolina e 162.377 de gasóleo, case un 8% máis que o ano anterior.

 

A empresa municipal Nauta Sanxenxo, encargada da xestión do porto, xa está a recibir solicitudes de reserva para este ano, aínda que a apertura oficial destas peticións non terá lugar ata febreiro.

 

Para atender a esta demanda, o Porto Deportivo de Sanxenxo conta cunha superficie concesional de 123.222 metros cadrados, cunha lámina de auga de 90.000 m², 450 puntos de amarre e máis de 25.000 m² de espazo peonil. A entidade vén de ampliar a súa concesión ata 2047, vinculada a diferentes proxectos destinados a mellorar a fachada marítima, entre os cales destaca o proxecto “Batea en Terra”, cuxa primeira fase xa está finalizada.

0
0
0
s2sdefault