A edificación ten unha superficie de 3.800 metros cadrados e está situada no parque empresarial de Nantes
A construción da nova nave de servizos municipal avanza a bo ritmo coa cuberta e as paredes xa executadas. A edificación, que conta cunha superficie de 3.800 metros cadrados, ten un custo de 2,6 millóns de euros e un prazo de execución de 10 meses, polo que estará lista na primavera. A súa construción permitirá ao Concello de Sanxenxo aforrar 40.000 euros ao ano polo actual alugueiro do almacén.
A parcela municipal onde se levanta a nave ten unha superficie de 8.343 metros cadrados. O almacén incluirá no soto un aparcadoiro para 16 vehículos municipais e tres puntos con cargadores eléctricos. Ademais, contará con paneis solares. O obxectivo é construír un edificio sostible e ecoeficiente, que incluirá un aseo, dous vestiarios, taquillas e dous accesos. O exterior disporá dun aparcadoiro e un xardín.
A nave susténtase mediante piares de formigón prefabricado sobre os que se apoian cerchas a dúas augas tamén prefabricadas. A fachada incorporará paneis metálicos texturizados e elementos translúcidos de policarbonato. O peche realizarase con celosías e parasois para minimizar a exposición ao sol. Os chans en contacto co terreo proxéctanse mediante solera de formigón cun espesor acorde á carga e tipo de tráfico que soporte. O acabado resolverase con formigón pulido e gres antiesvarante para os cuartos húmidos.
A cuberta foi executada con estrutura prefabricada e paneis sándwich para o illamento. Na carpintería exterior da nave, de aluminio anodizado, proxéctase a instalación de portais de acceso nas fachadas, de tipo corredeiro e seccional elevable. A terra extraída na parcela será reutilizada no acondicionamento do entorno da nave.